USC e Sergas avanzan na formación sanitaria sen riscos para o paciente

O Centro de Simulación Clínica Integral da Área Sanitaria de Santiago (Cesis), resultado do compromiso conxunto da USC e do Sergas, permite recrear todos os escenarios hospitalarios, dende emerxencias, procedementos cirúrxicos ou técnicas para neonatos prematuros. O reitor Antonio López e o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, visitaron este mércores o Cesis, un centro concibido para impartir formación continuada sen riscos para o paciente.
No acto tamén tomaron parte o decano da Facultade de Medicina, Julián Álvarez; M.ª Luz Couce Pico, xefa do servizo de Neonatoloxía do CHUS; e Eloína Núñez Masid, xerente da Área Sanitaria de Santiago de Compostela e Barbanza. A visita serviu para dar visibilidade a como o Cesis constitúe unha contorna de simulación conectada que permite interactuar en tempo real con outros hospitais, centros de formación ou mesmo expertos internacionais en calquera lugar do mundo.
Recrear unha situación clínica nunha contorna virtual facilita a aprendizaxe en condicións de total seguridade ao realizar as intervencións sobre maniquís. Inicialmente, o centro conta con dúas aulas de simulación, unha perinatal e outra médico-cirúrxica, ambas as dúas conectadas á sala de estratexia na que se avalían os procedementos destas dúas áreas.
