A USC sortea 1.500 euros en premios entre o público que vote os mellores modelos 3D do campionato científico escolar D3MOBILE

A Universidade de Santiago de Compostela vén de abrir o prazo para votar os modelos 3D de precisión elaborados por alumnos/as escolares cos seus respectivos teléfonos móbiles no marco do D3mobile Metrology World League, un campionato científico promovido polo grupo de investigación USCAN3D en colaboración coa Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía e outras entidades públicas e privadas, españolas e estranxeiras.
Este proceso de votación en liña estará aberto até o próximo 11 de xuño a todo o público interesado, que poderá expresar a súa opinión a través da páxina web www.d3mobile.es. Os votos emitidos polos/as internautas determinarán os gañadores/as dun dos premios deste campionato, que persegue fomentar as vocacións científicas entre os escolares. Ademais, todos os/as participantes nas votacións entrarán no sorteo de diversos agasallos por un valor global de 1.500 euros e unha sorpresa doada polo padriño do campionato. O D3mobile Metrology World League permitiu aos mozos escolares participantes aprender a elaborar modelos 3D de precisión co seu propio teléfono móbil a través de e-learning. Este programa formativo tamén achegou aos estudantes as ferramentas precisas para investigar e descubrir como obter bos resultados métricos e visuais. Os modelos elaborados polos alumnos/as someteranse estes días á opinión pública, co que se pretende achegar a ciencia aos cidadáns, facéndoos partícipes dun campionato que ten precisamente a ciencia como protagonista. Este exercicio de divulgación permite aos escolares descubrir como un traballo de investigación ben feito pode levalos ao éxito, á vez que reporta certo recoñecemento social aos autores dos modelos 3D máis votados, segundo sinalaron o coordinador deste proxecto, Juan Ortiz, e Mariluz Gil Docampo, directora do grupo de investigación USCAN3D da USC. A web www.d3mobile.es permitirá ademais aos usuarios acceder a un avance do D3MOBILE 2015 para escolares, así como do novo campionato individual aberto D3MOBILE OPEN 2015, no que poderán tomar parte as persoas interesadas de todas as idades.