Ir o contido principal

A USC suma á oferta deportiva en Lugo escolas de cardiodance, running e adestramentos de voleibol mixto e fútbol sala feminino

Castro, Silva e Magán, na presentación da oferta deportiva da USC en Lugo
Castro, Silva e Magán, na presentación da oferta deportiva da USC en Lugo
Carme Silva sinala o deporte como vía recíproca de participación entre sociedade e USC e lembra que a programación física e deportiva rexistrou 9.777 usuarios o pasado curso

A USC ofrecerá o presente curso 2014-2015 novas escolas físico-deportivas de cardiodance e runnig corre con nós, así como adestramentos de fútbol sala e voleibol mixto, segundo adiantou este martes o director do Servizo de Deportes da USC, Miguel Magán, no acto de presentación da programación de deportes deseñada pola USC para o presente ano académico, unha sesión na que tamén adiantou que a escola de danza oriental pasa a integrarse na programación da Área de Cultura.

A vicerreitora de Servizos Universitarios do campus de Lugo, Carme Silva Domínguez, salientou no acto institucional de apertura do curso deportivo no campus de Lugo que as distintas actividades físicas e deportivas programadas pola USC teñen como principal obxectivo acadar beneficios de saúde, benestar e formación deportiva nas persoas que participan en calquera das disciplinas ofertadas. Silva Domínguez salientou tamén o deporte como unha vía recíproca de conexión e participación entre a sociedade e a USC. A vicerreitora de Servizos Universitarios do campus de Lugo sinalou neste senso que a oferta deportiva da USC rexistrou o pasado curso un total de 9.777 usuarios/as, dos que preto de 7.000, na súa maioría estudantes, eran membros da comunidade universitaria, mentres que os preto de 3.000 usuarios restantes corresponden a cidadáns/ás alleos á USC. Co inicio do curso deportivo no campus de Lugo, todas as actividades estarán abertas á participación libre durante as primeiras sesións. O período de acceso libre xa rematou naquelas disciplinas que comezaron a mediados de setembro, pero do 1 ao 10 de outubro volverá a haber xornadas de portas abertas naquelas disciplinas que comecen a primeiros de outubro, segundo indicou o encargado da Área de Deportes de Lugo. Jesús Castro sinalou que durante estas sesións de acceso libre, as persoas interesadas poderán experimentar de xeito gratuíto e sen ningún tipo de compromiso actividades novas nas que teñan interese, pero, sempre, tendo en conta que os períodos de matrícula xa están abertos e que os grupos de actividades máis demandadas poderían estar completos antes do comezo destas xornadas. A oferta físico-deportiva para o curso 2014-15: A oferta de escolas físico-deportivas da USC para o curso 2014-2015 está dirixida tanto a membros da comunidade universitaria como ao resto da sociedade e a súa programación pode consultarse na páxina web do Servizo de Deportes da USC. A posibilidade de darse de alta como usuarias/os permanecerá aberta ata o 31 de xullo. Nesta nova convocatoria, a USC mantén na súa oferta no campus de Lugo actividades de oriental, G.A.P., ioga, mantemento + aeróbic +step, pilates e ximnasia de mantemento. Asemade, incorpora como novidades da programación zumba-cardiodance, running-corre con nós, así como adestramentos de fútbol sala feminino e voleibol mixto. Pola contra, desaparecen as escolas de esgrima, squash, xadrez e acondicionamento físico. Calendario e formas de pagamento A data de inicio para a maior parte das escolas físico-deportivas fixouse para o 15 de setembro e a data de remate para o 30 de abril. O running-corre con nós, o fútbol sala feminino e o voleibol mixto comezarán o 1 de outubro e a súa programación finalizará o 15 de maio. Existe dúas modalidades de pago nas Escolas físico-deportivas, ou ben para todo o curso ou ben fraccionando o mesmo. Hai xa grupos que case están pechados como é o caso das sesións de Zumba-cardiodance, M+A+S, G.A.P.e Pilates programadas para martes e xoves en quenda de tarde, a partir das 20.15 horas. O abano no campus de Lugo abrangue 9 actividades formativas, todas elas relacionadas co aprendizaxe deportivo, a saúde, o acondicionamento físico. A periodización formulada para este curso permite complementar algunha das escolas con cursos intensivos nos meses de maio, xuño. O prazo de inscrición para as Ligas internas (fútbol, baloncesto, balonmán, voleibol e rugby) está aberto dende o pasado día 8 e prolóngase até o día 12 de outubro. O resto de competicións: Campionatos galegos universitarios, Xogos Galaico-Durienses, campionatos propios da USC, torneos e demais eventos anunciaranse a medida que se produzan as súas convocatorias. A posta de largo do curso deportivo da USC no campus de Lugo serviu asemade para facer unha mención especial ao Club USC, coas súas 9 seccións (Atletismo, Judo, Orientación, Xadrez, Natación, Tenis, Karate, Taekwondo e o Fútbol veteranos). De feito, cómpre lembrar que todas as seccións, agás as de orientación e fútbol, son unha das consecuencias lóxicas das escolas físico-deportivas que lle serven de base. Programa créditos 14-15: O estudantado matriculado nalgunha das titulacións de grao ofertadas na USC durante o presente exercicio académico poderá obter o recoñecemento de ata a un máximo de seis créditos mediante a participación en actividades e competicións deportivas. No caso dos/as participantes nas escolas físico-deportivas é é necesario facer a solicitude de incorporación ao programa ao inicio da actividade. Agradecementos: A USC agradece a Deputación e ao Concello de Lugo a colaboración recibida en todo momento xa que, ano tras ano, ceden as instalacións deportivas nas que se desenvolven unha parte das ligas universitarias e algunha das escolas. Este agradecemento tamén se fai extensible ao Club Fluvial de Lugo polo esforzo realizado para facilitar ao estudantado universitario o acceso ás súas instalacións paliando, dalgún xeito, as carencias en infraestruturas deportivas que existen neste campus.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 23.09.2014.