Ir o contido principal

A USC sumará catro novos volumes ao valioso fondo antigo da Biblioteca Universitaria

Modesto Seara ensinoulle ao reitor os exemplares (Foto: Santi Alvite)
Modesto Seara ensinoulle ao reitor os exemplares (Foto: Santi Alvite)

A Biblioteca Xeral da USC contará cunha importante doazón bibliográfica que fará o reitor do Sistema de Universidades Estatais de Oaxaca, o ourensán Modesto Seara, tal e como lle anunciou ao reitor Juan Viaño nunha xuntanza esta mañá. Os títulos pasarán a engrosar o valioso fondo antigo da Biblioteca Universitaria.

Unha delas é Illustrium Contrioversiarun Aliarunque Usu Frequentium (1599), de Fernando Vázquez de Menchaca, un dos xurisconsultos máis importantes da súa época, enviado ao Concilio de Trento por Felipe II. A Biblioteca Universitaria ten varias obras deste autor, pero non esta edición en concreto.

Tampouco forma parte do fondo da USC a edición de 1613 de Le Legibus, de Francisco Suárez, autor da outra obra tamén do mesmo ano - Defensio fidei Catholicae et apostholicae adversus Anglicanae Sectae Errores- da que a USC si conserva un exemplar. Francisco Suárez foi teólogo, filósofo e xurisconsulto, considerado o principal mestre da Compañía de Xesús na España do seu tempo. Demasiado moderno por algúns, o Papa Paulo V convidouno para refutar o libro de Jacobo I de Inglaterra escrito contra Belarmino.

A última obra que Modesto Seara incluirá na doazón é Vocabularium Utriusque Juris (1591), de Alexander Scot, da que a USC non ten ningún exemplar

Seara
Modesto Seara (Allariz, 1931) é o iniciador e deseñador do Sistema de Universidades Estatais de Oaxaca, que conta neste momento con 17 campus de dez universidades que cobren a totalidade do territorio de Oaxaca: Universidad Tecnológica de la Mixteca, Universidad del Mar, Universidad del Istmo, Universidad del Papaloapan, Universidad de la Cañada, Universidad de la Sierra Juárez, Universidad de la Sierra Sur, Universidad de la Costa, Universidad de Chalcatongo y NovaUniversitas.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 22.09.2016.