A USC súmase á campaña ‘Lugo, cidade polo comercio xusto’, aberta á participación de particulares, empresas e instiucións

A USC suma o seu respaldo á campaña ‘Lugo,cidade polo comercio xusto’, unha iniciativa solidaria impulsada polas ONGs luguesas A Cova da Terra e Taller de Solidaridad, e coa que tamén colabora o Concello de Lugo, a través da concelleira de Economía, Emprendemento e Autónomos.
O vicerreitor de Coordinación do campus de Lugo, Javier Bueno Lema, a concelleira de Economía, Emprendemento e Autónomos de Lugo, Rosana Rieolo, e as representantes de A Cova da Terra e Taller de Solidaridad, Marta Pérez Freire e Ana Silva Romero, respectivamente, presentaron este luns na Casa do Saber esta campaña. O obxecto último desta iniciativa pasa por converter Lugo nun modelo de localidade que achegue produtos de comercio xusto á cidadanía a través das administracións, comercios, empresas e do tecido asociativo. Para acadar este obxectivo, os promotores desta campaña buscan a implicación e a complicidade do maior número de particulares, empresas, entidades e institucións cara a fomentar as prácticas sustentables e o consumo de artigos e produtos de comercio xusto, a fin de contribuír así a frear os desequilibrios e as desigualdades entre a poboación. Bueno lembrou na presentación desta iniciativa o carácter pioneiro da USC como institución promotora de pautas de desenvolvemento sostible no marco do seu funcionamento, ao tempo que sinalou a importancia da oferta académica do campus de Lugo cara a unha produción sustentable e respectuosa coa conservación e protección dos recursos naturais. Rielo aludiu tamén á sensibilidade do Concello de Lugo con este tipo de prácticas de comercio xusto e, logo de precisar que esta compaña permite institucionalizar dalgún xeito este apoio, a concelleira de Economía, Emprendemento e Autónomos precisou que o servizo de contratación do Concello de Lugo tamén ten en conta na medida do posible esta preocupación polo consumo responsable e solidario. Unha vez rematada a quenda de intervencións do acto de presentación da campaña, o integrante da ONG Ideas e coordinador a nivel estatal desta iniciativa, David Comet, e José Luis Chamorro, do grupo de traballo de ‘León por un comercio xusto, ofreceron cadanseu relatorio, ambos referidos ao desenvolvemento desta campaña, que xa está en marcha en moitas vilas e cidades. Ao remate da sesión, todos os asistentes puideron degustar artigos diversos de comercio xusto.