Ir o contido principal

A USC súmase ao código de conduta da CRUE que regula a actividade das Universidades como axentes de cooperación

Dende hai máis dunha década as Universidades españolas dirixen parte das súas accións e actividades cara á cooperación ao desenvolvemento, converténdose en verdadeiros axentes neste eido. Incluso o Comité Español Universitario de Relacións Internacionais (CEURI), consciente da realidade actual, conta cunha comisión de traballo específica.
É por isto que, en aras de preservar o carácter solidario e igualitario da cooperación ao desenvolvemento, as universidades españolas veñen de subscribir un código de conduta proposto pola Conferencia de Reitores de Universidades Españolas (CRUE).
Trátase dun instrumento, “símbolo de compromiso solidario”, para orientar e harmonizar a actuación universitaria. “Instrumento imprescindible”, salienta o vicerreitor de Relacións Institucionais da USC, Lourenzo Fernández, porque o ámbito da cooperación é “cada vez máis importante” para o desenvolvemento de actividades de investigación no exterior. “Sempre que teñan un perfil acorde coa cooperación”, aclara.
O código resulta da gran diversificación de actuacións á que se chegou no campo da cooperación, dos métodos de traballo e ata dos obxectivos específicos dos diferentes proxectos e programas que existen.
A cooperación na USCAínda que unha parte importante das Universidades españolas xa o subscribiu, a USC foi a primeira galega en aprobar este documento. E fíxoo, apunta o vicerreitor, “pola necesidade de impulsar os proxectos e accións de cooperación universitaria galega para o desenvolvemento no exterior”.
De feito, na USC a cooperación para o desenvolvemento xa ten unha entidade importante. “Son moitos os proxectos que xa temos en marcha”, afirma Lourenzo Fernández; “por iso, e como membro da executiva do CEURI, comprometinme a harmonizar a cooperación universitaria baixo os presupostos deste código de conduta”.
Observatorio da Cooperación UniversitariaXunto co código de conduta a CRUE, en colaboración coa Axencia Española de Cooperación Internacional para o Desenvolvemento (AECI) e a Secretaría de Estado de Cooperación Internacional (SECI), puxo en marcha o Observatorio da Cooperación Universitaria ao Desenvolvemento. A iniciativa, da que a USC forma parte, está encamiñada a crear un sistema integrado de información que permita un mellor coñecemento do campo da cooperación universitaria.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 17.06.2008.