A USC súmase á Declaración Internacional polo futuro do Ártico

A USC súmase á Declaración Internacional polo Futuro do Ártico que promove a asociación ecoloxistas Greenpeace para chamar a atención sobre o cambio climático e as súas consecuencias. O reitor Juan Casares asinou este venres o documento, trala petición da coordinadora en Santiago, no que se recolle o apoio da institución académica para a creación dun santuario global no Polo Norte. Coa sinatura do documento, a USC súmase á petición da organización ecoloxista que solicita un cambio nas políticas internacionais para reducir as emisións de gases de efecto invernadoiro que causan o cambio climático, así como a creación de figuras específicas de protección para os recursos medioambientais deste territorio. A declaración recolle a preocupación da entidade polo desxeo que afecta directamente aos catro millóns de persoas que viven na rexión pero que amenza a toda a humanidade que terán que enfrontarse a fenómenos meteorolóxicos adversos devastadores como consecuencia desta circunstancia. Greenpeace alerta sobre os intereses de grandes compañías que ven neste fenómeno negativo grandes oportunidades de negocio mediante a explotación de recursos naturais antes inaccesibles. Por este motivo, a declaración solicita a unidade dos gobernos e entidades internacionais con competencias na materia para protexer os recursos pesqueiros e extremar as medidas de precaución na extracción de petróleo, así como a creación dunha rede de áreas mariñas protexidas e reservas mariñas no Océano Ártico. Greenpeace desenvolve esta campaña por todo o mundo na que xa asinaron máis de tres millóns de persoas, entre as que se atopan autoridades políticas, institucións públicas e personalidades de diferentes ámbitos.