Ir o contido principal

A USC súmase este mércores ao Día Mundial da nova versión do protocolo IP

A Universidade de Santiago, en colaboración coas outras dúas universidades galegas e o CESGA, súmase este mércores 8 ás actividades que grandes provedores de Internet como Google Facebook, Yahoo! e Limelight Networks ofrecerán para contribuír ao despregue de IPv6, a nova versión do protocolo fundamental IP. O obxectivo principal desta celebración é concienciar a usuarios, provedores de contidos e especialmente aos provedores de acceso a Internet da necesidade de actualizar os seus equipos para que funcionen de acordo á nova versión do protocolo. A anterior, coñecida como IPv4, quedouse curta en varios aspectos. Por iso este mércores está prevista a realización dun test ao que tamén se suma a institución docente compostelá. Todo PC conectado a internet necesita dunha dirección IP. De aí a necesidade da nova versión (IPv6) que, aparte de ofrecer grandes melloras, dispón un número de direccións millóns de veces superior ao dispoñible sobre IPv4. En xeral, os sistemas operativos e navegadores de internet dos ordenadores persoais actuais xa están preparados para o cambio. Con todo, moitos dos routers caseiros así como unha diversidade de equipos que permiten o acceso á internet global non o están. Conscientes da importancia deste evento, a USC ten previsto encamiñar o novo direccionamento IPv6 oficial da USC, revisar o soporte IPv6 tanto no equipamento existente de rede e seguridade como nos servidores, habilitalo nalgunhas redes piloto de Santiago e Lugo e habilitar e probar un tunel "6to6" sobre IPv4 para expandir IPv6 ao Campus lugués, entre outras operacións. A maioría deste obxectivos estarán en probas coincidindo co 8 de xuño. Ademais ofreceranse dúas aulas, unha por Campus (Aula 2 da Facultade de Dereito no Campus de Santiago e Aula Universia do Edificio Intercentros no Campus de Lugo), para que o que queira poida dispor de soporte nativo en IPv6 e probar tres sistemas operativos distintos: Distribucións GNU/Linux, Windows 7 e Windows XP. Na páxina http://www.cesga.es/ipv6/index.php?lang=gl disponse de máis información e durante toda a xornada poderase realizar o test IPv6.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 07.06.2011.