A USC súmase á Rede de Universidades pola Diversidade

Unha trintena de universidades españolas ratificaron recentemente o seu compromiso en defensa do respecto da diversidade acordando a súa adhesión á Rede de Universidades pola Diversidade (RUD), un espazo de coordinación constituído a finais do pasado ano que traballará conxuntamente por unha abordaxe inclusiva da diversidade no sistema universitario.
A noticia dáse a coñecer este 17 de maio con motivo do Día Internacional contra a LGBTIfobia, unha data simbólica que as institucións aproveitaron para condenar de maneira contundente calquera forma de discriminación contra o colectivo de lesbianas, gais, transexuais, bisexuais, intersexuais e máis disidencias sexo-xenéricas, o que é unha das principais liñas de acción da RUD.
Coa adhesión á rede, a Universidade de Santiago de Compostela reforza o seu compromiso de garantir a protección ao colectivo LGTBI que forma parte da comunidade universitaria. Cara a este fin, ao longo dos últimos anos puxo en marcha diferentes instrumentos, como o Protocolo de Prevención e Actuación fronte ao Acoso Sexual e ao Acoso po Razón de Sexo, Orientación Sexual e Identidade de Xénero, aprobado en 2017, ou o máis recente Protocolo de actuación para os cambios de nome e de mención relativa ao sexo das persoas transexuais, transxénero e intersexuais, aprobado polo Consello de Goberno en xaneiro de 2022.
A colaboración e coordinación das universidades adheridas a esta rede mantéñense dende hai varios anos. Ao seu abeiro desenvolvéronse iniciativas como o Orgullo Universitario, unha xornada de actividades e reivindicacións realizada por primeira vez no ano 2020 que uniu decenas de institucións, ou como a presentación de alegacións no trámite de consulta pública do Anteproxecto de Lei Orgánica do Sistema Universitario para mellorar as medidas lexislativas arredor da diversidade na educación superior.
Dende a coordinación e a secretaría da RUD destacan que “temos un enorme e ilusionante traballo por diante, no recoñecemento e visibilidade da diversidade en todos os recunchos das nosas universidades, coa interseccionalidade como aceno de identidade e o máximo respecto ao dereito á igualdade e a ausencia de discriminación por calquera condición ou circunstancia persoal ou social, que debe presidir a educación universitaria”.
En decembro do ano pasado, representantes de máis de trinta universidades reuníronse en Valencia para definir e dar forma aos regulamentos da Rede. Entón abriuse un prazo para a adhesión formal por parte das institucións. Ata o momento, adheríronse e son fundadoras as seguintes universidades: Universidade da Coruña, Universidad de Alcalá, Universitat d’Alacant, Universidad de Almería, Universitat Autònoma de Barcelona, Universidad Autónoma de Madrid, Universitat de Barcelona, Universidad Carlos III de Madrid, Universidad de Cádiz, Universidad de Extremadura, Universitat de Girona, Universidad de Granada, Universidad de Huelva, Universidad de Jaén, Universidad de La Laguna, Universidad de La Rioja, Universidad de León, Universitat de Lleida, Universidad de Málaga, Universidad Miguel Hernández de Elche, Universidad de Oviedo, Universidad Pablo de Olavide de Sevilla, Universidad Politécnica de Cartagena, Universitat Politècnica de València, Universitat Pompeu Fabra, Universidad Rey Juan Carlos, Universitat Rovira i Virgili, Universidade de Santiago de Compostela, Universitat Oberta de Catalunya, Universidad de Valladolid, Universidade de Vigo e Universitat Jaume I de Castellón.
Nos próximos meses, prevese que se adhiran máis institucións, cuxas responsables institucionais planean reunirse presencialmente a finais deste ano no encontro anual da RUD para continuar marcando as liñas de acción coordinada pola diversidade.