Ir o contido principal

A USC supervisará a ampliación do Proxecto 'Ferrolterra Excelencia Hostaleira cos 5 sentidos'

O IGAPE, a Asociación de Empresarios de Hostalería, Caixanova e FEUGA colaboran nesta iniciativa deseñada pola Universidade para a procura da excelencia turística

O reitor da Universidade de Santiago, Senén Barro Ameneiro, asinou este xoves en Ferrol o convenio de colaboración para a ampliación do Proxecto Ferrolterra Excelencia Hostaleira cos 5 sentidos (FEHO-5s), que dirixirá e supervisará a propia USC a través do equipo de investigación ‘Unidade de Investigación en Psicoloxía do Consumidor e Usuario’ adscrito ao Departamento de Psicoloxía Social Básica e Metodoloxía.
Asinaron tamén este convenio Álvaro Álvarez-Blázquez, director xeral do Instituto Galego de Promoción Económica (IGAPE); Julio Martínez Martínez, presidente da Asociación de Empresarios de Hostalería de Ferrol e Comarcas; José Luis Pego Alonso, director xeral de Caixanova, e Javier López Martínez, director xeral da Fundación Empresa-Universidade Galega (FEUGA).
Con este convenio preténdese dar continuidade á primeira fase deste proxecto de procura da excelencia turística, na que xa participaron 64 establecementos dos que 34 obtiveron o distintivo de calidade (EHO-5s) o pasado ano. A través do mesmo, a USC encargarase de supervisar e dirixir a súa implantación en 35 novos establecementos de hostalería e supervisar a situación e continuidade dos que xa acadaron o distintivo.
O convenio terá unha duración dun ano e unha comisión de seguimento coordinará a correcta implantación do proxecto, á que deberá de dar conta periodicamente o responsable da súa execución, o director da Unidade de Psicoloxía do Consumidor e Usuario, o profesor Jesús Varela Mallou.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 13.03.2008.