A USC traballará conxuntamente co goberno de Costa Rica no desenvolvemento do emprendemento xuvenil
O reitor da USC, Senén Barro, e o ministro de Traballo e Seguridade Social de Costa Rica, Francisco Morales Hernández, mantiveron este xoves un encontro en San Xerome no que formalizaron un acordo marco de colaboración. A institución compostelá desenvolverá de xeito conxunto co goberno costarriqueño liñas de traballo vinculadas ao emprendemento xuvenil conforme ao programa Novos Empresarios ‘Projovem’ e traballarán nun estudo do mercado laboral naquel país.
O ministro Francisco Morales explicoulle ao reitor nesta visita que ‘Projovem’ procura impulsar o desenvolvemento das empresas socio-laborais, sen descoidar a atención que os grupos empresariais deben prestar á súa responsabilidade social. Trátase en conxunto de “promover e fomentar a cultura empresarial e o liderazgo”.
Este programa, que se dirixe a xente nova de entre 18 e 35 anos, quere promover a capacitación e a cultura empresarial nas persoas novas inculcando o entendemento do concepto de empresa como “unha unidade humana da que todos participan”, dende o punto de vista económico, cultural e do desenvolvemento humano.
ConferenciaAproveitando a súa estadía en Compostela, o ministro de Traballo costarriqueño vai participar este venres 27 nas xornadas ‘Integración e cooperación en América Latina. Efectos para o mercado de traballo e a distribución da renda’ que coordina a profesora Dolores Riveiro.
Francisco Morales falará sobre as particularidades do mercado laboral en Costa Rica, a partir das 13:00 horas na sede da Fundación Caixa Galicia. Estas xornadas están organizadas polo GAME coa colaboración do Programa Oficial de Posgrao en Desenvolvemento Rexional e Integración Económica.