Ir o contido principal

USC en Transición organiza unha 'ecofesta'

Desenvolveranse actividades ambientais coas que amosar o impacto real da vida cotiá sobre o medio ambiente

O programa USC en Transición celebrará este martes 26 unha 'ecofesta' na que se desenvolverán actividades ambientais realizadas por bolseiros das residencias Monte da Condesa e Fonseca, así como polos bolseiros de Sustentabilidade, Integración e Participación Universitaria. O evento celebrarase nos xardíns do Colexio Maior Fonseca a partir das 18:30 horas. A 'ecofesta' pretende amosar que as actividades cotiás teñen un impacto real sobre o medio ambiente estando en man de todos pór en marcha iniciativas que reduzan os efectos negativos e favorezan os positivos. Para isto, cada responsable das bolsas de colaboración das residencias preparou unha actividade na que liga o seu traballo diario co medio ambiente. Haberá, así, unha mostra de citas ambientais deseñada pola bolsa de biblioteca, unha xincana ambiental organizada pola bolsa de deportes, unha exposición de software libre e unha pequena mostra da súa instalación realizada pola de informática, un intercambio de comidas do mundo e un rastro de troco co-organizado polas bolsas de sociocultura e aula verde de ambas as dúas residencias. Estas actividades completaranse con outras deseñadas polos bolseiros do Servizo de Participación e Integración Universitaria coma unha charla explicativa sobre horticultura urbana baixo o lema ‘Unha horta na túa xanela, produtos naturais na túa man’, impartida polo coordinador de comunicacións da Asociación de Horticultura Urbana de Galicia, Ramón Paz. Este conxunto de iniciativas terá continuidade o vindeiro xoves 28 cun obradoiro de horticultura urbana na Residencia Universitaria Burgo das Nacións, unha representación de Teatro Foro e, finalmente, unha saída nocturna para observar a contaminación lumínica, o que porá o peche á 'ecofesta'. USC en Transición O programa ‘USC en Transición’ está impulsado polo Plan de Desenvolvemento Sostible da USC dependente da Vicerreitoría de Responsabilidade Social e Calidade e conta coa colaboración da Sociedade Galega de Educación Ambiental, da Federación Ecoloxista Galega, do grupo de investigación de Pedagoxía Social e Educación Ambiental e das educadoras ambientais de Feitoría Verde. Este proxecto está integrado por un abano de actividades a través do que se realizará unha intensa actividade de educación, divulgación e concienciación ambiental, tarefas que se veñen desenvolvendo na USC dende o ano 2004. O seu obxectivo principal é dinamizar á comunidade universitaria da USC para poñer en marcha procesos de transición a pequena escala que, no seu conxunto, ademais de dar a coñecer outros modelos de vida máis sustentables, contribúan a reducir a pegada e a débeda ecolóxica da universidade.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 26.04.2011.