Ir o contido principal

USC e Turismo de Galicia suman forzas para renovar os colexios de Fonseca e San Xerome

De esquerda a dereita, Alfonso Rueda, Alberto Núñez Feijóo, Antonio López e Javier Ferreira, no claustro de Fonseca. FOTO: Santi Alvite
De esquerda a dereita, Alfonso Rueda, Alberto Núñez Feijóo, Antonio López e Javier Ferreira, no claustro de Fonseca. FOTO: Santi Alvite
O convenio asinado este venres céntrase nas obras de conservación e mellora da envolvente deste conxunto arquitectónico
Santiago de Compostela

O convenio que este venres asinaron USC e a Axencia Turismo de Galicia permitirá acometer obras de conservación e mellora da envolvente do conxunto arquitectónico dos colexios de Fonseca e San Xerome. O reitor Antonio López explicou que se trata dun conxunto de accións “moi necesarias” para a a Universidade e, por extensión, para a cidade de Santiago de Compostela. Nesta mesma liña, manifestouse o presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, quen salientou que con estas obras culmínase o traballo de mellora do “inmenso punto de encontro que supón a Praza do Obradoiro”.  

No acto celebrado no claustro de Fonseca tamén tomaron parte o xerente da Universidade, Javier Ferreira; e o vicepresidente primeiro e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Turismo, Alfonso Rueda. As devanditas obras centraranse nas fachadas de pedra, nos paramentos exteriores pintados, cubertas, alén das carpinterías e contan cun orzamento de máis de 400.000 euros.

Cooperación institucional

O reitor quixo manifestar a súa satisfacción por este exemplo de cooperación institucional e agarda poida trasladarse a outros eidos como o do proxecto da Cidade da Saúde que serviría, entre outros aspectos, para subministrar, dixo,  “unha sede digna para os estudos da nosa Universidade neste ámbito”. O proxecto de Cidade da Saúde parte da vontade integradora e de reforzo das actividades sanitarias de carácter asistencial, docente e investigador co obxectivo de contribuír, con isto, a que Galicia sexa un referente da docencia, da investigación e da colaboración institucional e público-privada no ámbito da saúde.

Pola súa parte, o xefe do goberno autonómico destacou que “as institucións robustas achegan certezas e unha delas é a USC con máis de 500 anos de historia”. Núñez Feijóo puxo o foco en que a inversión contida no convenio é o “tributo que temos que pagar polo que a Universidade nos dá”, logo de destacar como a xeración do coñecemento que propicia a Universidade é a “base sobre a que se asentan as sociedades libres e democráticas”.

Patrimonio

O conxunto arquitectónico composto polos colexios de Fonseca e de San Xerome conforma unha mazá singular na trama urbana da cidade de Santiago de Compostela, cidade Patrimonio da Humanidade. Está mazá cerra a praza do Obradoiro pola súa parte meridional, dando á mesma a fachada principal do Colexio de San Xerome, que se converte así na fachada sur da praza.

O Colexio de Fonseca, ou de Santiago Alfeo, é o edificio máis antigo e máis grande do conxunto. O edificio principal está dende a reforma de 1978 desdobrado en varias funcións, por unha banda, está destinado a situar o servizo da Biblioteca Xeral da Universidade,  Biblioteca América, salas de investigadores, actos académicos no Salón Nobre ou Salón de Graos, e por outro, en salas de exposicións no Salón de Artesonado e a antiga Capela. Consta de planta de semisótano, baixa e unha planta alta. No centro ten un patio  porticado con arcos rebaixados na planta baixa apoiados sobre columnas  prismáticas e arcos escarzanos cunha galería na planta alta. A parte superior remata cunha crestería pétrea de gran valor artístico.

Nas mesmas datas que o outro colexio, con proxecto tamén de Carlos Fernández- Gago Varela, fíxose unha reforma integral de San Xerome para adaptalo aos novos usos que se lle ían a dar. As obras executáronse baixo a dirección do autor do proxecto e do entón arquitecto da Universidade, Arturo Zas Aznar. Dende esta última reforma, o edificio veu acollendo a reitoría da Universidade, xunto con boa parte dos servizos máis directamente vinculados ao goberno e xestión da mesma.

Ano Santo

O convenio asinado este venres contempla a necesidade dunha intervención sistemática, dado o tempo transcorrido dende as últimas intervencións nos inmobles, tanto nas cubertas como nos paramentos verticais e na carpintería exterior, de xeito que se mellore a súa integridade. Por un lado, mellorarase a estanquidade á auga e ao vento de cubertas e carpintería. Por outro, os paramentos de cantería, que son nos que menos se interveu nas ocasións anteriores, están necesitados dunha coidadosa limpeza que garante a súa durabilidade e evite o seu prematuro deterioro. Asemade, o documento establece que a celebración do Ano Santo Xacobeo en 2021 constitúe para a Comunidade Autónoma unha oportunidade de potenciación de Galicia, así como de promoción e de reforzo da dimensión internacional do Camiño de Santiago e da propia comunidade.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 26.02.2021.