Ir o contido principal

USC, UDC e Deputación da Coruña darán pulo ao emprendemento con base tecnolóxica na provincia

De esquerda a dereita, José Ramón Rioboo, Julio Abalde, Valentín González e Antonio López
De esquerda a dereita, José Ramón Rioboo, Julio Abalde, Valentín González e Antonio López
O convenio de colaboración asinado polos reitores das dúas universidades e polo presidente da institución provincial céntrase no financiamento da ampliación de capital de Unirisco
Santiago de Compostela

O impulso de empresas tractoras que promovan modelos de innovación aberta e busquen estar en contacto con novas tecnoloxías que consoliden os seus modelos de negocio é a meta que persegue Unirisco, a primeira empresa de capital risco vinculada aos proxectos das universidades galegas. Os reitores da USC e da UDC, Antonio López e Julio Abalde, xunto  co presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, e José Ramón Rioboo, deputado de Emprego, acaban de asinar un protocolo de colaboración para impulsar na provincia, a través de Unirisco, a creación de novas empresas innovadoras cunha importante base tecnolóxica. A Deputación financiará a participación da USC e da UDC na ampliación de capital desta sociedade.

Unirisco ten como misión fundamental contribuír a incrementar a transferencia de coñecementos das universidades e centros de investigación ao mundo empresarial, achegando financiamento, participando no capital e concedendo préstamos a proxectos emprendedores baseados en ciencia e tecnoloxía. Ademais, a próxima ampliación de capital da sociedade afectará a sectores considerados estratéxicos como a biotecnoloxía, farmacoloxía, tecnoloxías da saúde, tecnoloxías da información e a comunicación (TIC), sector agroalimentario, industria 4.0, economía circular ou novas formas de enerxía e sustentabilidade. USC e UDC son socias fundadoras e participan no accionariado desta sociedade de capital risco.

Tanto o presidente da Deputación coma os reitores das universidades salientaron a necesidade de apostar decididamente pola innovación e as novas tecnoloxías, favorecendo ecosistemas de empredemento de base tecnolóxica. En base a este convenio, USC e UDC promoverán a relevancia do criterio de territorialidade no desenvolvemento da estratexia de inversión de Unirisco.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 28.07.2022.