Ir o contido principal

USC, UDC e IndesIA promoverán a formación en ‘big data’ e Intelixencia Artificial

O tecido empresarial estatal requirirá de 90.000 expertos en materias relacionadas con datos e a Intelixencia Artificial ata 2025. FOTO: Pixabay
O tecido empresarial estatal requirirá de 90.000 expertos en materias relacionadas con datos e a Intelixencia Artificial ata 2025. FOTO: Pixabay
As institucións universitarias e a asociación para o impulso da economía do dato e a IA na industria colaborarán na formación de profesionais no sector a través de cursos, seminarios ou programas “nun campo que se atopa na actualidade en plena ebulición e desenvolvemento”, explicou o reitor Antonio López
Santiago de Compostela

USC, UDC e IndesIA, a asociación para o impulso da economía do dato e a intelixencia artificial na industria, promoverán a formación de profesionais en materias relacionadas con big data e a Intelixencia Artificial (IA). Deste xeito, impulsarase a formación en novas tecnoloxías do estudantado, a través da realización de diversas actividades como cursos, seminarios ou programas formativos, así como a participación das empresas asociadas de IndesIA para a realización e presentación de casos de uso dentro dos programas desenvolvidos ao abeiro do acordo.

En relación a este acordo, o reitor da Universidade de Santiago, Antonio López, afirmou que “a unión fortalece a nosa capacidade para avanzar e para facelo de forma máis eficiente. Sobre a base da cooperación poderemos coñecer de primeira man as necesidades da industria nun campo que se atopa na actualidade en plena ebulición e desenvolvemento. Ao mesmo tempo, os nosos socios industriais poderán ter tamén unha perspectiva realista e precisa do noso potencial e das nosas particularidades”. Na súa opinión, trátase dunha colaboración de especial transcendencia por fixar unha confluencia que “sen dúbida, terá como beneficiario o noso alumnado e por extensión a sociedade: a existencia de comunicación estreita entre industria e universidades axudará a fornecer as sinerxías necesarias que retroalimenten a razón de ser de cada unha das partes”.

Pola súa parte, Julio Abalde puxo o foco “na habitual relación da UDC co sector empresarial para ofrecer unha mellor docencia universitaria, necesaria en todos os ámbitos, e máis aínda en temas tan novos como os que abarcan a enxeñaría de datos e a intelixencia artificial”. Abalde destacou ademais que “a UDC como universidade que imparte varios títulos de grao e mestrado desta área, poderá achegar pola súa banda ás empresas o coñecemento de profesorado e de persoal investigador de prestixio internacional”.

Neste sentido, a directora xeral de IndesIA subliñou que “impulsar a formación en big data e a Intelixencia Artificial mediante a colaboración con centros educativos, é unha das prioridades de IndesIA atendendo a un dobre motivo. Por unha banda, á necesidade de contar con cada vez máis talento experto que poida poñer en marcha proxectos destinados a modernizar e facer máis eficiente a actividade industrial. E por outro, porque nos permite asegurarnos de que empresas e centros educativos esteamos aliñados entre a formación que se imparte e a capacitación dos profesionais que as organizacións demandan”.

Formación

As universidades comprométense a acometer a dirección e execución académica así como o deseño das actividades formativas dentro dos programas da área de big data, e a administración dos devanditos programas, a xestión do profesorado e a selección do alumnado, xunto coa posta a disposición da infraestrutura e o equipamento para o desenvolvemento das actividades, entre outros aspectos.

Pola súa parte, a asociación realizará a valoración dos programas para a obtención do Selo IndesIA dos programas en aberto sobre big data, e achegará persoas relatoras convidadas aos programas, así como casos de uso das empresas asociadas. Tamén brindará asesoramento en materia de plans de estudo, actividades e proxectos de investigación conxunta, creación de Cátedras e Aulas en materia de IA e do dato, prácticas académicas externas, participación en Feiras de Emprego universitarias, en mesas redondas, ou titorización de TFG e TFM, entre outros.

O obxectivo desta sinerxía é a capacitación do talento universitario para reducir a brecha existente entre o número de persoas expertas nestas tecnoloxías e os perfís profesionais que necesitan as empresas industriais. Segundo un estudo de IndesIA o tecido empresarial estatal requirirá de 90.000 expertos en materias relacionadas con datos e a Intelixencia Artificial ata 2025.

O reitor Antonio López e o presidente de IndesIA, Valero Marín, na sinatura do acordo. FOTO: Santi Alvite
O reitor Antonio López e o presidente de IndesIA, Valero Marín, na sinatura do acordo. FOTO: Santi Alvite
Os contidos desta páxina actualizáronse o 12.04.2023.