USC, UDC e UVigo impulsarán en colaboración coa Xunta de Galicia un modelo de graos e mestrados duais pioneiro no Estado
Galicia contará a partir do vindeiro curso cun modelo de graos e mestrados duais pioneiro en España, nos que o alumnado combinará a súa formación nas tres universidades públicas cun contrato laboral regrado e remunerado nunha empresa. Así o avanzou o conselleiro Román Rodríguez na xornada ‘Formación Dual universitaria: unha aposta de futuro para estudantes e empresas’ na que tamén participaron os reitores Antonio López (USC), Julio Abalde (UdC) e Manuel Reigosa (UVigo).
Na actualidade a Mención Dual en Galicia está asociada ao Grao en Xestión de Empresas Hostaleiras da USC, no Campus compostelá, e ao de Enxeñaría Eléctrica da Coruña. Segundo se explicou nesta xornada, o que se propón agora é configurar un marco normativo que permita sistematizar para o Sistema Universitario de Galicia un procedemento único regrado para a implantación das titulacións duais que, á súa vez, confira seguridade a estudantes e empresas colaboradoras.
Este marco incluiría tanto a esixencia de que a titulación dual sexa un proceso de aprendizaxe integrado nas contornas académica e profesional e que exista unha especial corresponsabilidade entre a universidade, a empresa e o estudantado no deseño do programa formativo. Ademais, en cada plan de estudos deberán quedan fixados tamén os requisitos a cumprir por parte das entidades colaboradoras. Como se puxo de manifesto na xornada, a modalidade dual avanza sobre o modelo de prácticas en empresas ao esixir unha secuenciación de períodos formativos na entidade colaboradora, unha maior integración do período formativo na empresa no currículo formativo, unha coordinación máis estreita entre a universidade e a entidade colaboradora, unha titorización da parte académica e da entidade colaboradora máis integrada e a incorporación do traballo fin de grao ou mestrado.
Na xornada de traballo deste venres participaron tamén o director de FEUGA, Francisco Javier Pereiro, que tratou os principais procesos implicados no desenvolvemento do modelo dual dende as perspectivas empresarial e universitaria, e o vicerreitor académico da Universidade de Mondragón, Jon Altuna, que presenta a experiencia da súa institución académica. Ademais, celébrase unha mesa redonda arredor dos retos actuais e futuros deste modelo en Galicia, na que interveñen o secretario xeral de Universidades da Xunta de Galicia, José Alberto Díez de Castro; a directora xeral de FP, Eugenia Pérez, e representantes das tres universidades públicas galegas e do mundo empresarial.