Ir o contido principal

A USC unifica o réxime de vacacións, permisos e licenzas para todo o persoal docente e investigador

O reitor no centro, xunto cos representantes das seccións sindicais da USC e o vicerreitor Luis Lima (primeiro de pé pola esquerda)
O reitor no centro, xunto cos representantes das seccións sindicais da USC e o vicerreitor Luis Lima (primeiro de pé pola esquerda)
O reitor e as centrais sindicais da USC asinaron este mércores o acordo

O reitor Juan Viaño e os representantes das seccións sindicais con representación na USC (CIG, CCOO, CSIF e UGT) asinaron este mércores o acordo que unifica para o conxunto do Persoal Docente e Investigador (PDI) o réxime das vacacións, permisos e licenzas e que vén renovar outro previo do ano 2008. En representación das organización sindicais, asinaron o documento Óscar Rodil Marzábal, Domingo Gómez Fernández, José Antonio Rodríguez Añón e Benjamín Rey Sanjurjo.

O acordo compila as melloras recollidas nos distintos textos normativos, en particular, a normativa de función pública estatal e autonómica, a normativa específica do persoal docente e investigador e o segundo convenio colectivo para o PDI das universidades do Sistema Universitario Galego (SUG). O documento busca harmonizar a regulación en materia de vacacións, permisos e licenzas por parte das autoridades estatal e autonómica e as súas actualizacións para a súa aplicación ao persoal con réximes xurídicos diferentes de xeito que se evite un trato diferente entre persoal que presta servizos na mesma institución e desenvolve funcións practicamente idénticas.

Deste xeito e tras as modificacións normativas levadas a cabo nos últimos anos, o acordo define un marco básico común e sistematiza no ámbito da USC aspectos relacionados coa organización das vacacións ou dos permisos retribuídos, nomeadamente en relación aos asuntos particulares; falecemento, accidente ou enfermidades graves dun familiar; accidente ou enfermidade moi grave; traslado; matrimonio ou unión de feito; cumprimentos de deberes inescusables de carácter público ou persoal e deberes relacionados coa conciliación da vida familiar e laboral e asistencia a consultas e revisións médicas ou realización de funcións sindicais.

Tamén se regulan os permisos relacionados coa maternidade, adopción e acollemento ou por razón de violencia de xénero e as licenzas, a efectos de docencia e investigación, perfeccionamento docente, por risco no embarazo ou durante o período de lactación natural, por enfermidade, para supostos de hospitalización prolongada e por coidado de familiares.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 07.03.2018.