A USC e a Universidade Jaime Bausate y Meza asinan un protocolo de cooperación cultural, científica e pegagóxica

O reitor da USC, Juan Viaño, e o seu homólogo da Universidade Jaime Bausate y Meza de Perú, Roberto Marcos Mejía Alarcón, asinaron este luns un protocolo de cooperación cultural, científica e pedagóxica que rexerá as futuras propostas de colaboración.
O obxectivo deste acordo á a promoción do desenvolvemento e difusión da cultura, e de xeito particular, o desenvolvemento do ensino superior de grao e posgrao, así como da investigación científica e tecnolóxica. A institución peruana céntrase na formación profesional especializada e integral dos futuros profesionais do xornalismo, capaces de adaptarse tanto ao entorno laboral e global, como desenvolver investigación e busca de solución dos problemas do xornalismo.
O protocolo desenvolverase no futuro coa elaboración de programas e proxectos de cooperación para o intercambio de profesores, investigadores e estudantes; formación de docentes e investigadores; intercambio de información e documentación; cursos de grao e posgrao; realización de seminarios, conferencias, encontros ou xornadas; e publicacións e proxectos científicos conxuntos.
A USC e a Universidade Jaime Bausate y Meza deberán agora desenvolver proxectos concretos de cooperación. Foto: Servimav-USC