A USC e a Universidade Tecnolóxica Federal do Paraná acordan o deseño de dobres graos en enxeñaría Forestal, Agronómica e Civil

A USC e a Universidade Tecnolóxica Federal do Paraná (Utfpr) acordan o deseño e a posta en marcha de dobres graos internacionais nas enxeñarías Forestal, Agronómica e Civil. A implantación destas novas titulacións con recoñecemento e validez oficial tanto en España como en Brasil habilitará aos enxeñeiros e enxeñeiras que acaden o seu título na USC e na Utfpr, logo de completar estes programas formativos de carácter internacional, para o desempeño do seu cometido profesional en calquera destes dous países dun e doutro lado do Atlántico.
O acordo para a oferta e implantación de dobres graos internacionais nas enxeñarías Forestal, Agronómica e Civil selouse este martes no marco dunha reunión de traballo desenvolvida na Escola Politécnica Superior do Campus Terra da USC e na que participaron o reitor de Graduación da institución académica brasileira, Luis Mauricio Martins de Resende; e os directores de Graduación e Relacións Internacionais da Utfpr, Álvaro Peixoto de Alencar Neto e Mauricio Alves Mendes, respectivamente. O vicerreitor de Coordinación do campus de Lugo, Javier Bueno Lema; o director da Escola Politécnica Superior, Tomás Cuesta; os subdirectores do centro universitario lugués Ana Isabel García Arias e Alberte Castro Ponte, e os coordinadores dos graos en Enxeñaría Forestal e do Medio Natural, Guillermo Riesco, en Enxeñaría Agrícola e Agroalimentaria, Adolfo López Fabal, e do grao en Enxeñaría Civil, Carlos Núñez Temes tamén estiveron presentes neste xuntanza de traballo, á que se sumou a través de videoconferencia o profesor Héctor Rodríguez Martínez, asesor para a internacionalización da oferta docente da Vicerreitoría de Internacionalización da USC. A oferta de dobres graos internacionais no ámbito das ramas da enxeñaría Forestal, Agronómica e Civil reforza a colaboración xa existente desde 2013 entre a institución académica compostelá e a Universidade Tecnolóxica Federal do Paraná. Na actualidade, ambas institucións manteñen asinados convenios de cooperación internacional e acordos específicos de intercambio de estudantes e de PDI. A implantación nestas institucións académicas destes dobres graos internacionais posibilitaría ao alumnado da USC e ao a da Uftpr obter o título español e brasileiro dun xeito coordinado, ao tempo que ampliaría o seus ámbitos para o desenvolvemento do seu cometido profesional. O director da Escola Politécnica Superior, Tomás Cuesta, salientou as novas posibilidades e horizontes laborais que ofrece este acordo entre a USC e a Utfpr para os enxeñeiros egresados do Campus Terra da USC, que tamén se pode beneficiar por esta vía da chegada dun novo fluxo de estudantado procedente de Brasil. Neste senso, Cuesta lembrou que a Universidade Tecnolóxica Federal do Paraná ofrece cada ano 7.000 prazas de novo ingreso nas súas titulacións, unha cifra que dista moito das 120.000 solicitudes de novo ingreso que rexistra cada curso Cuesta subliñou asemade que a USC é a primeira institución académica española que suscribe este tipo de acordos para o establecemento de dobres graos internacionais coa Universidade Tecnolóxica Federal do Paraná, unha universidade que xa conta con convenios semellantes con outras universidades portuguesas.