Ir o contido principal

A USC e a Universidade de Tulancingo en México asinan un convenio para a cooperación cultural, científica e pedagóxica

O reitores Juan Casares e Gerardo Téllez asinan o convenio ante o subsecretario de Educación Pública de Hidalgo Rolando Durán. Foto: Santi Alvite
O reitores Juan Casares e Gerardo Téllez asinan o convenio ante o subsecretario de Educación Pública de Hidalgo Rolando Durán. Foto: Santi Alvite
Os reitores formalizaron un acordo marco da colaboración e dous específicos para o intercambio de alumnos e persoal docente e investigador

Promover a difusión da cultura e en especial o desenvolvemento da ensinanza superior de grao e posgrao e a investigación científica e tecnolóxica son os obxectivos do convenio de colaboración asinado entre a Universidade de Santiago de Compostela e a Universidade Politécnica de Tulacingo (México). Unha delegación da universidade mexicana visitou este luns 7 a USC para formalizar os acordos e manter unha xuntanza de traballo na que analizar novas posibilidades de colaboración. O reitor Juan Casares, acompañado do vicerreitor de Investigación e Innovación, Francisco González, e o vicerreitor de Personal Docente e Investigador, Jesús López Romalde, recibiron ao reitor da UPT, Gerárdo Téllez, e máis ao subsecretario de Educación Media Superior e Superior do Estado de Hidalgo, Rolando Durán. Os reitores das dúas universidades asinaron un convenio marco que establece as posibles colaboracións entre as dúas entidades e outros dous específicos para o intercambio de alumnos e persoal docente e investigador. O primeiro apunta como posibles colaboracións -ademais do intercambio de persoal e alumnos que xa se fixou neste encontro- a formación de docentes e investigadores; o intercambio de información e documentación; a realización de cursos de grao e posgrao, seminarios, conferencias, coloquios, encontros, xornadas, publicacións e outros proxectos científicos. Os dous acordos específicos asinados regulan as condicións de intercambio de universitarios. O de intercambio de alumnado establece a realización de estadías na universidade de acollida por períodos dun ano ou dun semestre académico e continuarán cos seus estudos para o título oficial na súa universidade de orixe. En canto ao persoal docente e investigador que participe nos intercambios serán propostos polos seus departamentos e realizará na universidade de destino labores similares ás realizadas na de orixe. Os acordos terán unha vixencia de dous anos, prorrogándose automaticamente por períodos iguais.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 07.04.2014.