Ir o contido principal

A USC, entre as universidades españolas que máis esforzo realizan na difusión do software libre

No Ránking Universitario de Software Libre (RuSL), a Universidade de Santiago acada un índice IDSL de 34,45% o que a sitúa no oitavo lugar de entre as universidades españolas, posición semellante á que ocupaba na edición anterior desta clasificación. O IDSL, Índice de Difusión do Software Libre, pretende facilitar a comparación entre universidades e preséntase como unha métrica estandarizada e única que indica o esforzo que realizan por difundir o software libre (SL) en relación á que máis difunde. Así, a primeira clasificada ten un IDSL de 100 (nesta edición a Universidade de Granada) e o resto un valor entre 0 e 100 en proporción á promoción que realicen do SL. Despois de Granada, os primeiros postos do ránking están ocupados polas universidades das Palmas de Gran Canaria, La Laguna, Miguel Hernández de Elche, Zaragoza, A Coruña, Sevilla, USC, Politécnica de Cataluña, Vigo, Alicante, Cádiz, Oberta de Cataluña, Deusto e Politécnica de Valencia. A clasificación é unha iniciativa iniciativa de PortalProgramas, unha canle de descarga de software especializado en promocionar o SL. Nesta listaxe comparativa analízanse todas as universidades de España e as cinco de cada país do marco hispanoamericano máis destacadas segundo o ránking QS. O índice final, calculouse a partir de 65 indicadores que analizan todos os ámbitos da universidade, estruturados arredor dunha serie de bloques temáticos que avalían a dimensión de cada universidade en materia de produción de software; colaboración externa; investigación en SL; axuda; docencia; cultura en SL; recursos tecnolóxicos; webmetría; ou administracións, entre outros. Para a realización da análise, os promotores do estudo mesturan datos cuantitativos (para medir o impacto das accións realizadas) e cualitativos (para avaliar a súa importancia). O obxectivo perseguido foi evitar a utilización de criterios que requiran de valoración subxectivas na medida en que poden implicar inexactitudes.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 15.04.2015.