A USC, entre as tres universidades públicas máis transparentes
A Fundación Compromiso y Transparencia sitúa á USC no seu informe ‘ Exame de transparencia’ entre as tres universidades públicas máis transparentes de España segundo a información que recollen nas súas páxinas web institucionais. Xunto á de Santiago figuran as Universidades Pompeu Fabra e de Xaén. Do informe –realizado a partir dunha mostra de 50 Universidades- despréndese que máis da metade, o 66%, das universidades analizadas aproban a avaliación, cunha ampla marxe de mellora en áreas relativas ao claustro ou a información económica. As áreas con maior transparencia refírense á información de oferta de títulos, bolsas e axudas e sistemas de comunicación co alumnado. Non obstante, tan só 17 universidades dan información sobre as bandas salariais, só o 12% o fai sobre a formación e méritos do claustro e ningunha publica o número de solicitudes de matrículas que recibiron. No que se refire aos resultados, son as Universidades de Santiago, Xaén, Valladolid e Pompeu Fabra as máis transparentes. Tamén a compostelá destaca pola calidade da información sobre o seu Plan Estratéxico, o seu persoal e o relativo aos asuntos económicos, sendo só seis as Universidades que publican toda esta información. O contido do informe foi reseñado de maneira extensa polo diario El Mundo no seu suplemento ‘Campus’, ademais da edición dixital de La Voz de Galicia.