Ir o contido principal

USC e Xunta establecen a colaboración en I+D+i para o bienio 2025-26

O reitor e o conselleiro saúdanse en presenza de Manuel Reigosa (á dereita da foto) e Ricardo Cao. Foto: Santi Alvite
O reitor e o conselleiro saúdanse en presenza de Manuel Reigosa (á dereita da foto) e Ricardo Cao. Foto: Santi Alvite
A Consellaría de Educación, Ciencia, Universidade e Formación Profesional achega 9,3 millóns de euros para mellorar infraestruturas, intensificar a actividade investigadora e aumentar a produtividade científica

A Consellaría de Educación, Ciencia, Universidade e Formación Profesional achegará 9,3 millóns de euros á Universidade de Santiago para o desenvolvemento de accións estratéxicas de I+D+i para o bienio 2025-2026. Así quedou establecido este xoves na sinatura do convenio de colaboración no que participaron o reitor da USC, Antonio López, e o conselleiro Román Rodríguez.

A Consellería vén negociando coas Universidades do SUG a sinatura de convenios de colaboración coa fin de apoiar as súas estratexias de investigación. Estes acordos, asinados hoxe, establécense en función das necesidades e peculiaridades específicas de cada unha delas e dependendo das propias características das actividades financiadas ou das necesidades conxunturais de cada universidade. As actuacións responden a finalidades concretas e diferenciadas, aínda que algunhas poidan dar continuidade a outras xa iniciadas con anterioridade.

Os 9.292.029,82 euros achegados á USC distribuiranse en dúas anualidades para accións de mellora de infraestruturas, intensificar a actividade investigadora e aumentar a produtividade científica. Así, do total, o maior montante (4,095 miles de euros) destinarase a estruturas de investigación e captación de talento para potenciar a actividade investigadora de excelencia. Nesta liña contémplase orzamento para a incorporación de persoal investigador consolidado en convocatorias como Ramón y Cajal ou Beatriz Galindo, para o apoio á participación dos grupos en convocatorias específicas de proxectos competitivos de carácter internacional, para centros e institutos de investigación tanto xa consolidados como emerxentes ou de nova creación ou remodelación, e medidas complementarias destinadas aos centros da rede CIGUS así como para a elaboración dun informe guía sobre a dotación de personalidade xurídica aos dous centros CIGUS con recoñecemento María de Maeztu.

Ademais, outra liña de acción destinará 1,879 miles de euros á actualización de infraestruturas científico-técnicas básicas de interese xeral en distintos centros de investigación de Santiago e Lugo e na Área de Infraestruturas de Investigación. Esta achega supón o 40% do total dos 9 proxectos de instalación de infraestruturas que lle foron concedidos  á USC no Subprograma Estatal de Infraestruturas e Equipamento Científico-Técnico do Programa Estatal para Impulsar a Investigación Científico-Técnica e a súa Transferencia e do que A Axencia Estatal de Investigación financia o 60%.

Unha terceira liña estratéxica destina 1,235 a accións transversais de I+D+i, como poden ser axudas a congresos e reunións científicas, accións de dinamización de transferencia de investigación, o desenvolvemento do Plan de Acción do Selo de calidade HR Excelence in Research, a mellora da Fundación Rof Codina, actuacións de internacionalización ou de divulgación científica.

No que respecta á liña de actuacións en infraestruturas e equipamento, á que se lle dedican 1,506 miles de euros, contémplase concretamente a execución da segunda fase da reforma integral do Observatorio Astronómico Ramón María Aller, o acondicionamento de espazos para persoal no pavillón 4 da Facultade de Veterinaria e vencellado a dotar a sede do recentemente creado instituto iTerra, a reordenación e acondicionamento de espazos de investigación no Campus Sur e a dotación de mobiliario para os espazos expositivos vinculados á Rede de Centros de Divulgación.

O orzamento contempla tamén 580 miles de euros para a mellora das titulacións de grao e mestrado con mención de excelencia e das competencias transversais nos estudos de doutoramento. Recolle así mesmo financiamento para selos internacionais de calidade, para a difusión dos graos en Empresa e Tecnoloxía e Xestión Cultural e para a redacción do proxecto de execución para a reforma e ampliación do Complexo Docente para o traslado da Facultade de Formación do Profesorado. 

Os contidos desta páxina actualizáronse o 06.11.2025.