Ir o contido principal

USC, Xunta de Galicia, Concello de Santiago, Cámara de Comercio e Área Empresarial do Tambre cooperarán na reindustrialización de Compostela

A presentación celebrouse na sede da Asociación Área Empresarial do Tambre
A presentación celebrouse na sede da Asociación Área Empresarial do Tambre

A USC, a Xunta de Galicia, o Concello de Santiago, a Cámara de Comercio e o Área Empresarial do Tambre asinaron un acordo de colaboración para a reindustrialización empresarial, promoción do asentamento de empresas e captación de proxectos de investimento para a cidade de Compostela, moi especialmente, para a área empresarial da zona norte da cidade. Así, as institucións asinantes comprométense a traballar conxuntamente na captación de proxectos para o seu asentamento no ámbito da Sionlla, Costa Vella ou Tambre.

Tomando como nexo común o desenvolvemento empresarial e social da cidade, o documento asinado establece un marco que permitirá realizar actuacións conxuntas no eido da planificación e desenvolvemento das infraestruturas produtivas, formulando propostas para a priorización de fins e o axeitado aproveitamento dos recursos. O documento recolle na súa filosofía que as distintas parte promoverán o desenvolvemento e a xestión dos fins comúns para todas as zonas da área empresarial, coordinando esforzos e aproveitando as sinerxías que comporta para a optimización dos recursos investidos. A vixencia do acordo estenderase ata o 31 de decembro de 2020.

No acto de sinatura protocolaria celebrado no Polígono do Tambre, interviñeron o reitor Juan Viaño; a conselleira de Infraestruturas e Vivenda e presidenta do IGVS, Ethel Vázquez; o conselleiro de Economía, Emprego e Industria e presidente do Igape, Francisco Conde; o alcalde de Santiago, Martiño Noriega; o presidente da Cámara de Comercio de Santiago, Jesús Asorey; e o presidente da Asociación Área Empresarial do Tambre, Jesús Chenel.

“Constituímos un bo exemplo de implementación do modelo de colaboración da tripla hélice, na que as capacidades do sector académico póñense aos dispor das necesidades dos sectores económico-produtivos, ao amparo e acompañamento dos diferentes estamentos administrativos implicados”, dixo o reitor en alusión á confluencia das distintas institucións e entidades asinantes neste acordo. Da USC, subliñou a súa “grande tradición” en transferencia de coñecemento e tecnoloxía á sociedade e engadiu a crenza firme de que a “terceira misión da universidade é unha obriga para coa nosa sociedade”.

O premio outorgado recentemente pola Rede Española de Fundacións Universidade-Empresa (REDFUE) á USC como a mellor universidade española na súa relación coa empresa “recoñece o esforzo feito ao longo destes 20 últimos anos, nos que temos desenvolvido un ecosistema, xa maduro e institucionalizado na nosa universidade, para a a transferencia de coñecemento ao sector empresarial”, indicou Viaño. Esta experiencia e saber facer “é a que poñemos a disposición deste proxecto para lograr a dinamización da innovación no noso entorno máis próximo” engadiu o reitor. Na súa opinión, “dispoñemos neste momento dunha oportunidade singular de fixar man de obra cualificada na nosa contorna, de fixar en Galicia as nosas máis prometedoras empresas, creando un polo tecnolóxico que lles permita atopar un ecosistema favorable no que desenvolverse e facerse máis competitivas”.

Asinaron o documentos representantes das entidades e institucións implicadas

Os contidos desta páxina actualizáronse o 16.01.2017.