USC e Xunta presentan este luns na EPS de Enxeñaría un acordo para a promoción de especies forestais de crecemento en Galicia

A Plataforma de Enxeñaría de Madeira Estrutural (Pemade) do Campus de Lugo da USC e a Axencia Galega da Industria Forestal (Xera) darán conta este luns 18 de novembro, a partir das 11.30 horas, no salón de actos da Escola Politécnica Superior de Enxeñaría da USC, das liñas de traballo e demais actuacións contempladas no convenio asinado entre ambas administración para a posta en valor de especies forestais de crecemento en Galicia e a promoción do uso de madeira na construción.
A vicerreitora de Coordinación do Campus de Lugo, Montserrat Valcárcel Armesto, será a encargada de conducir esta sesión pública, no marco da que tamén intervirá o conselleiro de Economía, Emprego e Industria da Xunta de Galicia, Francisco Conde; o catedrático da USC e director de Pemade, Manuel Guaita, ademais de Óscar Andrés Quintela, de Arrokabe Arquitectos.
Unha vez rematada a quenda de intervencións, o director de Pemade fará unha visita guiada polas instalacións do laboratorio de Pemade durante a que informará ao público presente das liñas de investigación que de desenvolve e nas que traballa a Plataforma de Enxeñaría da Madeira Estrutural da USC.