Ir o contido principal

USC e Xunta suman forzas para o desenvolvemento de accións estratéxicas de I+D+i

O acordo dará pulo ao fomento dunha maior integración entre os centros de investigación e os sectores produtivos. FOTO: Santi Alvite
O acordo dará pulo ao fomento dunha maior integración entre os centros de investigación e os sectores produtivos. FOTO: Santi Alvite
O convenio permitirá fortalecer as infraestruturas científicas e o equipamento tecnolóxico da actividade investigadora universitaria
Lugo, Santiago de Compostela

O convenio asinado este mércores, 9 de novembro, entre a USC e a Consellaría de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades da Xunta de Galicia, permitirá o desenvolvemento de actuacións estratéxicas de I+D+i co obxectivo de mellorar as infraestruturas, intensificar a actividade investigadora e aumentar a produtividade científica. O acordo que mobiliza máis de cinco millóns de euros, foi presentado nun acto que contou coa participación do vicerreitor de Política Científica da USC, Vicente Pérez Muñuzuri; e do presidente Alfonso Rueda.  

O acordo dará pulo ao fomento dunha maior integración entre os centros de investigación e os sectores produtivos, alén de incidir na cultura da calidade e eficacia na utilización das infraestruturas e do capital humano. Así, o documento define accións en materia de actualización de infraestruturas científicas, captación e retención de talento, redefinición de estruturas de investigación, accións transversais entre as que se atopan actividades de dinamización de I+D+i e accións específicas nos graos en Robótica, Bioquímica, Empresa e Tecnoloxía, Xestión Cultural e Intelixencia Artificial.

Na actualidade a investigación configúrase como “fundamento da docencia e como medio para o desenvolvemento científico e cultural da sociedade, a través da transferencia de coñecemento”, subliña o documento. O convenio permitirá fortalecer as infraestruturas científicas e o equipamento tecnolóxico da actividade investigadora universitaria xa que, tal e como apuntou o presidente Rueda, tanto as universidades como o Goberno galego están na obriga de “achar, captar e impulsar” o talento investigador porque “sen ciencia non hai futuro”.

O acto desenvolveuse na UVigo e serviu tamén de marco para a sinatura de convenios coas outras universidades públicas galegas. Na sesión tamén participaron o reitor da UDC, Julio Abalde; o reitor da UVigo, Manuel Reigosa; e o conselleiro de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, Román Rodríguez.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 09.11.2022.