A utilidade social da estatística e da investigación en operacións, a debate nun congreso na Facultade de Matemáticas
O Departamento de Estatística e Investigación Operativa da USC organiza o ‘VIII Congreso de Sociedade Galega para a Promoción da Estatística e da Investigación de Operacións’ co obxectivo de analizar, cun enfoque divulgativo, a utilidade social da estatística e da investigación de operacións. O prazo para enviar contribucións permanecerá aberto ata o 14 de setembro e para inscribirse ata o 21 do mesmo mes.
O encontro, que terá lugar do 8 ao 9 de novembro na Facultade de Matemáticas, servirá como foro para debater sobre cuestións específicas como os contrastes de uniformidade con datos direccionais, as novas aplicacións da optimización na estatística pública, a bioestatística ou as matemáticas do xenoma. O proxecto educativo do Instituto Galego de Estatística, a estatística na prensa e o azar como elemento narrativo do cinema actual son outros aspectos a tratar nestas xornadas.
Asemade, no transcurso deste congreso, a Facultade de Matemáticas acollerá dous cursos de informática titulados ‘Linguaxe R’ e ‘Realizar presentacións e escritos matemáticos usando LaTeX’.