Ir o contido principal

A UXFS organiza un curso de modelización forestal e unha serie de conferencias sobre este tema para o mes de xuño

O seminario terá límite de asistencia, polo que xa está aberto o prazo de inscrición

O grupo de investigación Unidade de Xestión Forestal Sostible da Escola Politécnica Superior de Lugo (USFS) realizará do 16 ao 20 de xuño o curso titulado ‘Designing forests to provide multiple services’, que estará a cargo do profesor Klaus v. Gadow, da Universidade alemana de Göttingen.
Este curso de modelización forestal desenvolverase de 9:00 a 12:00 horas de luns a venres na Escola Politécnica Superior. Os relatorios serán en inglés e a asistencia é libre e gratuíta. Por cuestións organizativas, o curso terá un límite de 20 persoas, polo que os interesados deberán confirmar a súa inscrición enviando os seus datos persoais á dirección de correo almuper [at] usc.es (almuper[at]usc[dot]es). A admisión se realizarán por orde de entrada das solicitudes.
Paralelamente, entre o 16 e o 19 do mesmo mes, o programa de doutorado Enxeñaría para o desenvolvemento rural xunto coa Unidade de Xestión Forestal Sostible realizarán unha serie de conferencias tamén sobre modelización forestal, que terán lugar na Escola.
As dúas primeiras destas charlas estarán a cargo do profesor Harold E. Bukhart, do Instituto estadounidense Politécnico de Virxinia e serán o luns e o martes, de 16:00 a 18:00 horas. Na primeira dará unha descrición da investigación sobre crecemento e produción de pino de Loblolly e na segunda falará do espaciado inicial sobre produción de madeira.
O xoves intervirán en primeiro lugar, de 16:00 a 18:00, Margarida Tomé, do Instituto Superior de Agronomía de Lisboa, que falará da investigación sobre crecemento e produción do eucalipto en Portugal. Finalizará o ciclo de charlas Paula Soares, do mesmo centro, que falará da modelización dos bosques de Quercus suber nese país.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 30.05.2008.