A vaga estival de calor e seca non bateu récords en Compostela

A abafante vaga de calor que afectou toda a Península sobre todo no mes de agosto finalmente en Santiago de Compostela non deu lugar a récords nin de calor nin de seca, “aínda que estivo preto de facelo”, segundo constatan dende o Observatorio Astronómico Ramón María Aller (centro colaborador da AEMET) da USC con datos do presente século recollidos na garita meteorolóxica. Tal e como xa avanzaba este centro científico hai unhas semanas, a vaga de calor de xullo de 1990, con máis de 35º en cinco xornadas e unha temperatura de 40º3 o día 20, converten ese mes e ano “no do récord de temperatura na cidade de Santiago de Compostela”.
Este centro universitario comprobou que, só con datos do século XXI, se ben tanto no agosto deste ano coma no de 2003 a temperatura máxima chegou ou sobrepasou os trinta graos en 14 xornadas, a media das máximas dese mes hai 22 anos superou en medio grao a deste (28º9 fronte a 28º4 graos). Ademais, a temperatura máxima daquel mes estival fora de 39º7 (acadados o día 12), mentres que no que acaba de rematar foi de 35º8 (día 5).
Tampouco este ano en agosto, a pesar da forte calor diúrna, as temperaturas mínimas alcanzaron en Compostela os vinte graos, algo que si sucedeu no mes co que estamos a comparar, con dúas noites con 20º6. “Mesmo houbo anos de noites máis quentes coma aquelas do 14 e 15 de xullo de 2022, cando non se baixara dos 23º en Santiago, ou os 22º9 do día 27 de xuño de 2013”, apunta o coordinador científico do Observatorio, José Ángel Docobo, quen lembra que a media das mínimas de agosto de 2003 ascendera a 17º2, “un 1º5 por riba da media do mes pasado”.
Ademais, este mes de xullo caracterízase pola “normalidade”, cunha temperatura máxima de 34º0 e tres xornadas nas que se superaron os 30 graos.
Un verán seco, pero sen récord
Polo que atinxe ás choivas, neste xullo pasado en Santiago recolléronse 12,3 litros/m2 nun total de catro días e 16,9 l/m2 en agosto (a partir do día 20), unhas cifras que non supoñen un récord de seca neste século. Así, nos meses de xullo dos anos 2015 a 2017 e 2022 choveu menos que este ano, e mesmo en 2020 non houbo ningunha choiva.
Algo semellante acontece co mes de agosto, con menos chuvia recollida nos anos 2002, 2010, 2013 e 2016.
Xa tendo en conta o bimestre xullo-agosto, este ano medíronse 29,2 litros/m2, unha cantidade superior ao mesmo período dos anos 2002, 2010, 2016 e 2022.