Ir o contido principal

Valcárcel e Campos supervisan xunto con responsables políticos e académicos as obras da Granxa Experimental do Campus Terra

Valcárcel, no centro, na visita con responsables académicos e políticos, á Granxa Experimental do Campus Terra
Valcárcel, no centro, na visita con responsables académicos e políticos, á Granxa Experimental do Campus Terra

A vicerreitora de Coordinación do campus de Lugo, Montserrat Valcárcel; o presidente da Deputación Provincial de Lugo, Darío Campos Conde, e o deputado de Medio Rural, Lino Rodríguez Ónega, supervisaron este luns o avance das obras da Granxa Experimental do Campus Terra, un centro de investigación arredor dos sectores agrogandeiro e lácteo da provincia, que Deputación e USC impulsan cunha inversión de dous millóns de euros, dos que organismo provincial 1,3 millóns e a USC 750.000 euros.

A posta en marcha desta nova infraestrutura de carácter científico e tecnolóxico ligada estreitamente co tecido produtivo da provincia ligado ao sector primario (gandería, agricultura, sector forestal...) pretende contribuír á mellora deste sector mediante a aplicación dos proxectos que investigadores e estudantes do campus de Lugo (Veterinaria, Enxeñería Agroalimentaria, Máster de Produción de Leite...) desenvolvan nas novas instalacións.

A vicerreitora de Coordinación do campus de Lugo, Montserrat Valcárcel, que visitou en Castro as obras da futura granxa experimental que estará a disposición da comunidade universitaria de Lugo, salientou que esta nova dotación favorece un salto cualitativo na docencia e na investigación de parte das titulacións universitarias impartidas no campus de Lugo e ligadas coa gandería e o sector primario. A granxa posibilitará tamén implantar o robot de muxido e probar un innovador sistema de pastoreo.

Campos Conde destacou durante esta visita que “a Granxa Experimental do Campus Terra e enmárcase dentro da aposta por unha Deputación rural e coas persoas. Pois en Lugo contamos cunhas 3.600 explotacións láctea. O sector do leite representa o 18% do emprego na nosa provincia. Lugo lidera a produción leiteira en Galicia e en España con máis de 1,2 millóns de toneladas ao ano. Polo tanto, o sector lácteo é unha prioridade para o desenvolvemento social e económico da nosa provincia”.

Queremos contribuír ao impulso do sector agrogandeiro a través da investigación e a innovación; aproveitando o grande potencial humano existente no campus de Lugo, no que o 25% dos seus grupos de investigación están relacionados coa produción láctea, engadiu Campos Conde. O presidente da Deputación sinalou asemade que esta nova dotación permitirá a investigadores e estudantes de Veterinaria, Enxeñería Agroalimentaria ou do Máster de Leite, entre outras titulacións, desenvolver nestas instalacións os seus proxectos, que, unha vez constatado o seu éxito, tamén se poderán aplicar nas propias explotacións lácteas da provincia que así o desexen.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 04.02.2019.