Ir o contido principal

Valle-Inclán e a cultura do viño

Este martes ten lugar en Santiago a cuarta sesión das Xornadas sobre Viño e Cultura Galega

A cuarta sesión das Xornadas sobre Viño e Cultura Galega, que coordina o profesor da USC Xavier Castro e contan coa colaboración da Secretaría Xeral de Cultura da Xunta de Galicia, está dedicada a evocar algúns aspectos relevantes da traxectoria vital e a obra do escritor Ramón María del Valle-Inclán. Será este martes ás 20.00 horas na Cafetaría do CGAC. Nas Comedias Bárbaras, nas Sonatas ou en dramas teatrais como Luces de bohemia , Valle-Inclán deixou plasmado un suxestivo friso da cultura popular do viño na Terra do Salnés, testemuñou as formas de sociabilidade e as bebidas que adoitaban servirse tanto nos pazos visitados polo Marqués de Bradomín como nas tabernas e cafés de Madrid que visitaba Max Estrella. Valle-Inclán aludía á correspondencia entre viños e pratos “á maneira dun concerto Pitagórico”, como explicará Castro nunha sesión na que as glosas e achegas documentais se mesturarán co goce dos viños albariños, o recitado dunha escolma de textos senlleiros do autor e a audición de pezas musicais e cancións que gardan relación coa época e o mundo valleinclanescos como as arias de Don Giovanni de Mozart. Nesta ocasión probaranse os caldos da Adega Aurea Lux (D.O. Ribeiro), representada polo seu promotor, o profesor de socioloxía Manuel Docampo. Esta adega elabora artesanalmente uns viños de probada calidade como Leive Paradigma –con uva treixadura, albariña e loureira– e Leive Treixadura, cun carácter monovarietal. Gozarase ademais do branco reserva Leive Reliquia e do tinto de crianza, con certificación ecolóxica, Preto de Leive. Comentará tamén estes viños Cristina Alcalá, experta en catas e directora da revista Mivino-Vinum.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 10.06.2013.