Ir o contido principal

Velada de clausura da mostra ‘Ovidius Vivit!’ con Resonet e música de Monteverdi

Como broche de ouro á exposición ‘Ovidius Vivit!’ que esta semana se clausura en Fonseca, o espazo da capela deste colexio universitario acollerá o mércores 5 unha velada musical a cargo do grupo Resonet e da cantante Mercedes Hernández.

Baixo o título ‘Músicas para un poeta’, a partir das 19.00 horas soarán pezas do mestre Claudio Monteverdi que gardan estrita relación coa mostra á que acompaña. Así, ademais de madrigais, salmos e motetes, Resonet interpretará pasaxes de L’Orfeo e L’Incoronazione di Poppea, dúas das obras cumio dun dos grandes da música.

O grupo Resonet está especializado na interpretación da música antiga, con numerosos concertos en prestixiosos festivais e auditorios e facendo grande atención ás músicas de Galicia e do Camiño de Santiago, ás que dedican varias gravacións. O seu director, Fernando Reyes, especialízase nos instrumentos antigos de corda pulsada no Conservatorio de Toulouse (Francia) e na Staatliche Hochschule für Musik de Trossingen (Alemania) con Rolf Lislevand. Alén da intensa actividade como instrumenstista realiza numerosas publicacións, composicións para teatro e seminarios e conferencias.

Cofundadora de Resonet, Mercedes Hernández especialízase en canto e música antiga no Conservatorio de Toulouse, na Musikhochschule de Trossingen (Alemania) e na Schola Cantorum de Basilea con profesores como Guillemette Laurens, Richard Levitt e Montserrat Figueras. Colabora en concertos e gravacións con destacados grupos e directores como Jordi Savall, Gabriel Garrido, Andrew L. King, etc. En 2002 canta no Gran Teatre del Liceu o rol de Ninfa da ópera de Claudio Monteverdi L'Orfeo dirixida por Jordi Savall.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 03.07.2017.