O venres 19 remata o prazo para a presentación de candidaturas á XIII edición do Premio Aresa ao Desenvolvemento Rural
A décimo terceira edición do Premio Aresa ao Desenvolvemento Rural, outorgado pola USC e o grupo empresarial de subministros agrarios presidido por Álvaro Rodríguez Eiras, pecha o venres 19 o prazo para a presentación de candidaturas. Os interesados en concorrer ao galardón poden achegar ata ese día a documentación correspondente nos rexistros da USC nos campus de Lugo e Santiago. Poden presentarse a este galardón persoas, grupos de investigación, institucións, asociacións, empresas ou calquera outra entidade que contribúa co seu labor ao desenvolvemento da economía rural galega. A resolución do xurado darase a coñecer a finais do mes de decembro deste ano, e a entrega do galardón realizarase nun acto público entre finais de xaneiro e comezos de febreiro de 2013. O premio leva aparellada unha dotación económica de 10.000 euros para o gañador. O Premio Aresa de Desenvolvemento Rural naceu no ano 2000 co obxectivo de recoñecer e incentivar a investigación e o desenvolvemento mediante o apoio á traxectoria persoal ou á actividade empresarial ou institucional innovadora e xeradora de riqueza e benestar no ámbito agrogandeiro, como elementos fundamentais para mellorar a calidade de vida das persoas que traballan no medio rural galego. Apoio á creación de emprego no medio rural Nesta ocasión a convocatoria inclúe como destinatarios do premio aqueles proxectos de creación de empresas orientadas á mellora do medio rural. En palabras do presidente do grupo Aresa, "deberán ser proxectos de orixe galega, que ofrezan produtos para Galicia, e nos que se valorará a capacidade para crear emprego, ademais de que sexa viable e que incorpore a perspectiva da investigación, o desenvolvemento e a innovación". Deste xeito, o premio quere mostrar a súa sensibilidade coa situación actual no ámbito económico e, particularmente, no medio rural. Eiras afirmou ademais que no caso dos proxectos de creación de empresas, con independencia de se resultan premiados o non, o grupo Aresa estudará a súa posible participación no accionariado da futura empresa, ofrecendo ademais asesoramento na procura de financiamento para o seu desenvolvemento. Premiados nas edicións anteriores Na traxectoria deste galardón, de recoñecido prestixio no sector, figuran premiados como o profesor da USC Javier Guitián (en 2001, polo seu estudo sobre os valores biolóxicos da Serra do Courel), a Aula de Produtos Lácteos (ano 2002) ou a Facultade de Veterinaria (2008). Fóra do ámbito universitario, outros gañadores do premio foron a industria cárnica Novafrigsa (2000), a IXP Ternera Gallega (2004), o programa de TVG ‘O Agro’ (2005), a D.O. Ribeira Sacra (2006), a empresa Ingapán (2009) ou a Asociación de Criadores de Rubia Galega - Acruga (2010). A título individual tamén recibiron este recoñecemento o director xeral de Agricultura da Comisión Europea, o lucense Xosé Manuel Rodríguez Silva (2003), e os impulsores da queixería Casa Macán (2007). Na última edición de 2011 premiouse a Sociedade Agraria de Transformación ‘Montes de Trabada’.