O venres dará comezo na EPS a primeira edición do curso de especialización de Deseño e Cálculo de Estruturas de Madeira
O vicerreitor de Coordinación do Campus de Lugo, Carlos Herrero, e o Conselleiro de Innovación e Industria, Fernando Blanco, inauguran este venres 17 a primeira edición do Título de Especialista Universitario en Deseño e Cálculo de Estruturas de Madeira da USC, promovido polo catedrático de Cálculo de Estruturas da Escola Politécnica Superior de Lugo Manuel Guaita Fernández.
O acto inaugural deste curso celebrarase na Sala de Xuntas da EPS ás 16:00 horas e nel participarán tamén representantes das distintas entidades patrocinadoras, CIS-madeira, as consellarías de Vivenda e Solo e de Medio Rural, o Clúster da Madeira e ‘Construir con Madera’.
Con este título, propio da USC, formaranse un total de 30 especialistas nos aspectos de cálculo e deseño de estruturas de madeira para a edificación tanto arquitectónica como rural e para proxectos de obra civil.
O curso prolongarase ata o 3 de abril con clases os venres pola tarde e os sábados pola mañá nas aulas de teoría ou de informática da Escola Politécnica. Ademais se realizarán visitas neste horario a organismos, industrias e exemplos construtivos de interese.