Ir o contido principal

Verán astronómico na Cidade da Cultura da man do Observatorio da USC

Por cuarto ano consecutivo, a Cidade da Cultura de Galicia confiou ao Observatorio Astronómico Ramón María Aller da USC a organización dun amplo programa estival de actividades de astronomía para todos os públicos. Ao longo dos próximos tres meses haberá nove sesións de observación nocturna nas que se poderán recoñecer constelacións a simple vista e mesmo observar, a través de telescopios, a Lúa, planetas, estrelas dobres, cúmulos estelares ou nebulosas. Unha destas xornadas, a do 12 de agosto, estará dedicada fundamentalmente á observación das estrelas fugaces Perseidas. O resto das sesións serán os días 5 e 12 de xullo; 2, 9, 16 e 30 de agosto; e 6 e 13 de setembro. Ofértanse ademais dous obradoiros –un sobre manexo e características dos telescopios o 5 de xullo e outro sobre bólidos e meteoritos a desenvolver o 6 de setembro–, unha sesión de observación de manchas solares por proxección o 19 de xullo e un encontro sobre reloxos de Sol. As persoas interesadas deberán de apuntarse en cada actividade a través da páxina web da Cidade da Cultura de Galicia.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 28.06.2013.