Ir o contido principal

O Verán CampUSC 2011 abre de novo as súas portas en Santiago aos nenos e nenas de 3 a 12 anos

En Lugo haberá descontos especiais no campamento urbano polideportivo Lumieira CUP 11

A Universidade compostelá pon en marcha por terceiro ano consecutivo en Santiago o Verán CampUSC 2011 , campamento de verán orientado aos fillos e fillas de entre 3 e 12 anos de membros da comunidade universitaria, asistentes a cursos de verán da institución, persoal da Fundación USC Deportiva e, subsidiariamente, ao público en xeral. O período de preinscrición permanecerá aberto ata o 31 de maio. O programa está concibido como unha actividade de carácter deportivo, cultural, socioeducativo e de lecer, para permitir a pais e nais traballadores da USC conciliar a vida laboral e familiar no período de verán. CampUSC transcorrerá dende o primeiro día de vacacións escolares ata o último, agás o mes de agosto, en cinco quendas: a finais de xuño; a primeira quincena de xullo; do 18 ao 22 de xullo; do 26 ao 29 de xullo; e inicios de setembro. Para cada quendas ofértase un máximo de 70 plazas. As actividades desenvolveranse nas instalacións deportivas do Campus Vida en horario de 08:45 a 14:15 horas, onde os nenos e nenas desenvolverán xogos e actividades de tempo libre, xunto coa iniciación en actividades deportivas e de entretemento, tendo en conta as idades das persoas participantes. As actividades de tempo libre e lecer serán dirixidas por persoal da Escola de Tempo Libre e Animación Sociocultural Don Bosco de Santiago de Compostela, mentres que as actividades deportivas corresponderanlle ao persoal da Fundación USC Deportiva. Esta iniciativa está organizada pola Fundación USC Deportiva a solicitude da Vicerreitoría de Extensión Universitaria, Cultura e Sociedade da USC. Colaboran o Servizo de Deportes da USC, a Oficina de Igualdade de Xénero, a Vicerreitoría de Estudantes e Formación Continua e a Escola de Tempo Libre e Animación Sociocultural Don Bosco. Campus de Lugo En Lugo, os membros da comunidade universitaria beneficiaranse de descontos oficiais no campamento urbano polideportivo ‘Lumieira CUP 11’ para nenos e nenas de entre 6 e 12 anos, grazas á colaboración coa asociación A.D.C. Lumieira Lugo. As actividades, fundamentalmente deportivas, serán en horario de 9:30 a 19:30 horas, con opción de comedor, entre o 4 e o 29 de xullo na Escola Universitaria de Maxisterio.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 23.05.2011.