Verán CampUSC 2012 iniciou esta semana a súa terceira quenda
A quenda correspondente á primeira quincena de Verán CampUSC foi a máis demandada polos usuarios/as do programa de verán da Fundación USC Deportiva. Dende este pasado luns xa está en marcha a terceira xeira cunha grande afluencia de participantes, preto de 70 usuarios/as. Prazas dispoñibles Só quedan dúas quendas para rematar este programa na súa edición de 2012 e nas que aínda quedan prazas de inscrición. Os períodos pendentes son os que se estenderán do 23 ao 31 de xullo e, xa en setembro, do 3 ao 11. Quedan aproximadamente libres unhas 20 prazas por quenda co que todas as persoas interesadas aínda poden formalizar a súa inscrición. O programa, concibido para permitir conciliar a vida laboral e familiar neste período de vacacións escolares, inclúe numerosas actividades de ocio e tempo libre como obradoiros de pulseiras, máscaras, impresión á auga, cancións, excursións, e da práctica deportiva de esgrima, tenis, deportes de combate, psicomotricidade, atletismo, orientación, xogos predeportivos ou populares.