O Verán CampUSC 2020 abre o seu prazo de inscrición o luns 8 de xuño
A primeira quenda do Verán CampUSC 2020 botará a andar o vindeiro 22 de xuño baixo estritos protocolos de hixiene e prevención por mor da crise da COVID-19. Neste senso, as bases da edición deste ano conteñen un plan de adecuación que contempla, entre outras medidas, o subministro de xabón e xel hidroalcólico aos participantes, así como que os rapaces e rapazas maiores de 6 anos leven a súa propia máscara facial. Recoméndase, asemade, que os menores de 6 anos tamén a leven.
O prazo de inscrición abrirase o vindeiro luns 8 de xuño e realizarase en liña a través da páxina web da Fundación USC . Ao alumnado, asignaráselle un monitor ou monitora responsable por grupo que velará polo respecto das medidas de distanciamento interpersoal e evitará aglomeracións. Aqueles participantes ou as súas familias que incumpran as normas establecidas relativas ás medidas de protección ante a COVID-19, serán expulsados da actividade.
O Verán CampUSC 2020 está dirixido a rapaces e rapazas de 4 a 17 anos. Priorizaranse, sempre que sexa posible, as actividades ao aire libre. De non ser posible, cada grupo contará cunha sala ou instalación propia. En todo caso, os espazos pechados que se utilicen serán amplos e estarán ben ventilados.
Admisión
Este campus de verán está estruturado en cinco quendas dotadas con 120 prazas cada unha. A admisión no Verán CampUSC 2020 realizarase este ano por rigorosa orde de chegada das inscricións totalmente formalizadas, isto é, formulario cuberto e o pago realizado, tendo en conta que unha porcentaxe das prazas está reservada para fillos e fillas de membros da comunidade universitaria.
O programa terá lugar de luns a venres, agás festivos, de 08.45 a 14.45 horas, polo que a responsabilidade do control e coidado dos participantes polos monitores e monitoras responsables comprenderá esa franxa horaria.