Verán CampUSC, unha aposta polo desenvolvemento psíquico-físico das crianzas e pola conciliación familiar

A edición 2022 do Verán CampUSC 2022 bota a andar coa vontade de conciliar a vida laboral e familiar tanto da comunidade universitaria da USC coma do público xeral. A Fundación Universidade de Santiago de Compostela impulsa esta iniciativa dirixida a rapaces e rapazas que poderán coñecer unha importante base de actividades deportivas tradicionais e alternativas, ademais de realizar diferentes obradoiros, actividades e saídas culturais. O prazo de inscrición a través dun formulario electrónico permanecerá aberto do 25 de abril ao 11 de maio.
“Todas as actividades están especialmente dirixidas ás idades e desenvolvemento psíquico-físico das persoas participantes e todas elas desenvolven tamén, de xeito transversal, valores de disciplina, esforzo, perspectiva de xénero, integración, hixiene e respecto ás normas”, sinalan dende a Fundación Universidade de Santiago de Compostela.
Persoas destinatarias
O programa está dirixido a nenos e nenas nacidos/as entre os anos 2005 e 2018 (ambos incluídos), fillos/as de persoal da USC, estudantado pertencente a esta institución, ou público en xeral, entre outras categorías contempladas no texto da convocatoria. O programa terá lugar de luns a venres (agás festivos) de 8.45 a 14.45 horas e atópase estruturado en cinco quendas que se estenden do 23 de xuño ao 7 de setembro. As prazas ofertadas serán 120 por quenda.
O 20 de maio, como data límite, publicaranse na web da Fundación as listas provisionais de persoas admitidas en cada quenda. A Comisión de Seguimento poderá solicitar documentación acreditativa para elaborar estas listas. Do 20 ao 23 de maio terá lugar un período de reclamacións e corrección de erros nas listaxes publicadas a través do correo info [at] fundacionusc.gal (info[at]fundacionusc[dot]gal). O 25 de maio publicaranse na web da Fundación USC as listas definitivas de persoas admitidas en cada quenda.