Ir o contido principal

O Verán CampUSC consolídase como iniciativa clave na conciliación da vida laboral e familiar

O reitor mantivo un encontro co alumnado da terceira quenda. FOTO: Santi Alvite
O reitor mantivo un encontro co alumnado da terceira quenda. FOTO: Santi Alvite
O reitor mantivo un encontro coa cativada participante na terceira quenda deste programa da Fundación USC que reúne ao longo de todo o verán a 200 nenos e nenas
Santiago de Compostela

Preto de 200 nenos e nenas danse cita ao longo deste verán nas diferentes quendas do Verán CampUSC 2022, iniciativa coa que a Fundación Universidade de Santiago de Compostela fomenta a conciliación da vida laboral e familiar tanto da comunidade universitaria da USC coma do público xeral. Este programa dispón aínda de prazas libres para a cuarta quenda, do 26 ao 29 de xullo, así como para a quinta, do 1 ao 7 de setembro, cuxa inscrición pode formalizarse a través desta ligazón.  

O reitor Antonio López mantivo este martes 20, un encontro cos 108 nenos e nenas que participan na terceira quenda. Xunto a el, visitaron o Verán CampUSC 2022, a delegada do reitor para a Igualdade, a profesora Marta Pérez Pereiro; o xerente da Fundación USC, Óscar Hermida; o director do Verán CampUSC, Anxo Tarrío; a súa coordinadora, Rocío Bulnes;  e a concelleira responsable de Urbanismo, Vivenda, Cidade Histórica, Acción Cultural e Igualdade, Mercedes Rosón.  

A Fundación Universidade de Santiago de Compostela impulsa esta iniciativa dirixida a rapaces e rapazas que poderán coñecer unha importante base de actividades deportivas tradicionais e alternativas, ademais de realizar diferentes obradoiros, actividades e saídas culturais.

“Todas as actividades están especialmente dirixidas ás idades e desenvolvemento psíquico-físico das persoas participantes e todas elas desenvolven tamén, de xeito transversal, valores de disciplina, esforzo, perspectiva de xénero, integración, hixiene e respecto ás normas”, sinalan dende a Fundación Universidade de Santiago de Compostela.

Persoas destinatarias

O programa está dirixido a nenos e nenas nacidos/as entre os anos 2005 e 2018 (ambos incluídos), fillos/as de persoal da USC, estudantado pertencente a esta institución, ou público en xeral, entre outras categorías contempladas no texto da convocatoria. O programa ten lugar de luns a venres (agás festivos) de 8.45 a 14.45 horas e atópase estruturado en cinco quendas que se estenden do 23 de xuño ao 7 de setembro. As prazas ofertadas son de 120 por quenda.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 20.07.2022.