Verán CampUSC ofrece 350 prazas para nenos e nenas de 3 a 13 anos

Verán CampUSC ofrece un total de 350 prazas na súa convocatoria de 2014 para nenos e nenas de entre 3 e 13 anos que desexen realizar actividades deportivas, culturais e de lecer durante as vacacións escolares. A oferta total contempla 70 prazas para cada quenda de 15 días, que ademais de favorecer o entretemento saudable dos menores axudarán a conciliar a vida familiar e laboral das familias participantes. A programación comprende múltiples actividades tanto ao aire libre como en instalacións deportivas en horario de 8.45 a 14.30 de luns a venres, organizadas en quendas de 15 días durante a ultima semana de xuño, o mes de xullo a e primeira semana de setembro, cubrindo deste xeito as vacacións escolares dos cativos e cativas. Todas as actividades están organizadas atendendo ás idades dos participantes e seguindo criterios psicopedagóxicos. Algunhas das actividades deportivas que se desenvolverán son piscina, deportes de raqueta, colectivos, exercicios de psicomotricidade, orientación e xogos populares, entre outros. Dentro das actividades de ocio e tempo libre inclúense diferentes obradoiros como modelaxe, pintura, recortable, papiroflexia, cancións, xogos cooperativos e visitas culturais. A iniciativa está aberta ao público en xeral e contempla condicións especiais para traballadores/as do cadro de persoal e estudantado da USC, así como para os participantes en congresos e cursos de verán. O prazo de preinscrición remata o 11 de maio. As persoas interesadas deben cubrir o formulario da web http://www.fundacionuscdeportiva.org/. O 13 de maio publicarase a listaxe de admitidos que deberán formalizar a súa matrícula ata o 25 do mesmo mes efectuando o pagamento.
Verán CampUSC é unha iniciativa organizada pola Fundación USC Deportiva a solicitude da Vicerreitoría de Estudantes, Cultura e Formación Continua da USC e coa que colabora o Servizo de Deportes da USC, a Oficina de Igualdade de Xénero da Vicerreitoría de Responsabilidade Social e Calidade e a Escola de Tempo Libre e Animación Sociocultural Don Bosco.