Ir o contido principal

O verán comeza o martes 21 de xuño ás 11.14 horas

O inicio do verán pon o punto e final a unha  primavera seca na área de Compostela. FOTO: Santi Avite
O inicio do verán pon o punto e final a unha primavera seca na área de Compostela. FOTO: Santi Avite
“A actual aliñación planetaria de Mercurio, Venus, Marte, Xúpiter e Saturno, visible antes do amencer, probablemente sexa o fenómeno astronómico máis vistoso da estación estival”, explica o director do Observatorio Astronómico Ramón María Aller da USC, José Ángel Docobo
Santiago de Compostela

Ás 11.14 horas do martes 21, o Sol estará xusto no punto Cáncer da eclíptica ou solsticio de xuño, dando así comezo á estación estival no hemisferio norte. O verán prolongarase ata as 3.04 horas do 23 de setembro, sendo a estación máis longa.

“A actual aliñación planetaria visible antes do amencer probablemente sexa o fenómeno astronómico mais vistoso deste verán”, explica o director do Observatorio Astronómico Ramón María Aller da USC, José Ángel Docobo. Os planetas Mercurio, Venus, Marte, Xúpiter e Saturno poden contemplarse a simple vista dispostos na mesma orde da súa distancia ao Sol. Ademais, a partir do día 21, a Lúa vai ir pasando entre os distintos planetas e, na madrugada do 23, estará entre Venus e Marte. Finalmente, a choiva de estrelas Perseidas, na noite do 12 ao 13 de agosto, “verase deslucida este ano”, continúa José Ángel Docobo, debido a que haberá Lúa Chea xusto o día 12.

Primavera seca

O inicio do verán pon o punto e final a unha  primavera seca na área de Compostela, con 17,1 litros/m2 nos últimos días de marzo. En abril, medíronse 115,4 l/m2, tan só 65,1 l/m2, en maio; e 14 l/m2, ata o 16 de xuño incluído. Con todo, está previsto que chova máis nos últimos días da estación. “Este tipo de secas non son normais pero tampouco demasiado raras”, apunta o profesor Docobo. Por exemplo, entre o 10 de maio e o 31 de xullo de 2015, só caeran 15,6 litros/m2 na cidade de Santiago, e no ano 1987, practicamente non chovera en todo o mes de maio.

En canto ás temperaturas desta primavera, a máxima foi de 32º4 e tivo lugar o 28 de maio, sendo habitual que a finais deste mes de produzan temperaturas elevadas. Así, en 2019, a máxima anual tivera lugar o día  31 de maio con 33º7. En canto ao que levamos de xuño, a temperatura máxima acadouse o día 13, cando os termómetros alcanzaron os 29º7. Porén, neste mes houbo temperaturas moito máis altas anos atrás, como os 36º4 medidos o 14 de xuño de 1996, ou os 35º7 do día 26 de 2012 e, sobre todo, os 36º9 rexistrados o 25 de xuño de 2011. Estas dúas últimas ocasións erixíronse nas máximas dese ano.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 21.06.2022.