O verán comeza o sábado 20 ás 23.44 horas

Ás 23.44 horas deste sábado día 20, o Sol estará xusto no punto Cáncer da eclíptica ou solsticio de xuño, dando así comezo a estación estival no hemisferio norte, a cal se prolongará ata as 15.31 horas do 22 de setembro, sendo a estación máis longa das catro.
“Aínda que están anunciadas algunhas eclipses para as vindeiras semanas, o caso é que a anelar de Sol vai ser practicamente só visible como tal en Asia, e a eclipse penumbral de Lúa do 5 de xullo, tal como xa aconteceu nas outras semellantes de xaneiro e xuño, vai pasar desapercibida para o gran público dado que nestes casos a Lúa séguese a ver enteira aínda que reflicte menos luz do Sol”, afirma José Ángel Docobo, director do Observatorio Astronómico Ramón María Aller. “A curiosidade é que en 2020 van ter lugar catro eclipses penumbrais de Lúa”, engade.
A partir de agora existe a posibilidade de poder observar con prismáticos ao amencer o cometa C/2020 F3 (NEOWISE), que foi descuberto hai tres meses polo telescopio espacial NEOWISE. O cometa verase mellor ao longo do mes de xullo, sobre todo, na segunda quincena, pero neste caso logo do crepúsculo vespertino. “Outro evento destacable serán as Perseidas, que todos os anos puntualmente visítannos por San Lourenzo. Este ano, coa Lúa en minguante, vanse dar unhas condicións moi favorables especialmente nas noites do 11 ao 12 e a do 12 ao 13 de agosto cando se prevé o máximo de actividade desta choiva de estrelas", continúa Docobo. Ademais, este verán, os planetas Xúpiter e Saturno estarán presentes todas as noites. A contemplación da Vía Láctea dende lugares sen contaminación lumínica é outro dos atractivos do ceo estival.
Primavera seca
Remata unha primavera máis ben seca na contorna de Compostela pero de contrastes típicos desta época do ano. No comezo da estación non houbo precipitación, para logo abril ser un mes con pouca insolación. Maio trouxo ao final de mes temperaturas propias do verán e xuño estase a caracterizar por temperaturas excesivamente suaves. Isto último xa ten acontecido outros moitos anos, basta con lembrar a temperatura máxima acadada o 9 de xuño de 2018 con 13º2. Porén, no mes de maio houbo en Compostela catro dias con máximas por enriba dos trinta graos, destacando os 33º2 do día 28. Neste senso, cómpre lembrar que en 2019 a temperatura máxima absoluta anual rexistrouse o 31 de maio con 33º7. A abundante nebulosidade de abril fixo que os termómetros non subiran do 22º9 pero a cambio as mínimas non foron moi baixas. A insolación deste mes foi moito menor do que é normal, medíndose pouco máis de 100 horas. En canto á choiva, salvo abril con 200 litros/m2, o resto do tempo estivo por debaixo do habitual. En maio caeron só 66,9 litros/m2 e no que vai de xuño, 29,2 l/m2.