Ir o contido principal

O verán comezará ás 6.24 horas deste mércores

Dúas persoas, nas inmediacións da Biblioteca Intercentos do campus de Lugo da USC
Dúas persoas, nas inmediacións da Biblioteca Intercentos do campus de Lugo da USC

O verán comezará no hemisferio Norte ás 6.24 horas deste mércores 21 e prolongarase ata as 22.02 horas do vindeiro 22 de setembro, segundo o Observatorio Astronómico Ramón María Aller da USC que dirixe José Ángel Docobo.

O fenómeno astronómico máis relevante do próximo verán, a parte da choiva de estrelas Perseidas na noite do 12 ao 13 de agosto, será a eclipse parcial de Sol, aínda que de moi baixa magnitude. Este fenómeno poderá verse na península Ibérica xusto no solpor do 21 de agosto e durante un período de media hora aproximadamente. A eclipse será en cambio total nunha franxa de pouco máis de 100 quilómetros de ancho que discorrerá polo océano Pacífico, Norteamérica e o océano Atlántico.

Así mesmo, o día 7 de agosto producirase unha eclipse parcial de Lúa, pero cando esta saia en Galicia xa estará na fase penumbral, que pode pasar desapercibida, porque a Lúa verase chea aínda que con luz mais tenue. Polo que atinxe á observación dos planetas, Saturno vai estar presente no ceo nocturno ao longo de todo o verán, ao igual que Xúpiter, pero este último irase poñendo máis cedo a partir de xullo. Venus será o luceiro do alba, e Mercurio a finais de xullo estará en moi boas condicións de poder ser observado a simple vista cara ao oeste loguiño do solpor. Finalmente, Marte pasará de ser visible na noitiña ao amencer.

O verán é especialmente recomendable para localizar constelacións e mesmo para contemplar a Vía Láctea dende lugares con pouca contaminación lumínica. O emblema do ceo desta estación é o triángulo formado polas brillantes estrelas Vega (constelación da Lira), Deneb (no Cisne), e Altair (na Aguia).

Nota meteorolóxica
Logo dun verán e outono de 2016 secos, o inverno de 2017 non foi moi chuvioso (excepto febreiro, con 278 litros/m2). A primavera, resultou así mesmo seca na contorna de Compostela. Os 230 l/m2 recollidos en maio non chegaron a compensar os cativos 30 l/m2 de abril nin os 7 l/m2 de xuño, polo que o período correspondente aos doce últimos meses (1.225 litros/m2) é un dos mais secos das últimas décadas, só comparable a aquel de xuño 2011- xuño 2012, cando se recolleran 1.243 litros/m2. Daquela, o primeiro semestre do ano 2012 aínda fora mais seco que o presente a pesares das choivas de xuño, segundo lembra o director do Observatorio Astronómico Ramón María Aller da USC.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 19.06.2017.