Un verniz de unllas contra infeccións fúnxicas, recoñecido cun dos Premios á Transferencia de Tecnoloxía de Galicia

Un verniz de uñas medicamentoso para o tratamento de micoses ou psoriases ungueais, que mellora a eficacia con respecto aos tratamentos tópicos comerciais existentes, acaba de ser recoñecido co premio ‘Fernando Calvet Prats’ da Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) ao mellor traballo de tecnoloxía xa transferida con éxito ao sector empresarial. O grupo interdisciplinar en tecnoloxía farmacéutica, inmunobioloxía parasitaria e parasitoses hídricas Paraquasil da USC é o responsable desta innovadora tecnoloxía.
“O verniz xurdiu dunha liña de investigación que iniciamos en colaboración coa profesora Begoña Delgado Charro da Universidade Inglesa de Bath e coa participación do profesor da USC José Luís Gómez Amoza do grupo I+DFarma, co obxectivo de empregar técnicas avanzadas para a caracterización microestructural das unllas”, explica o profesor da USC e decano da Facultade de Farmacia, Francisco Otero Espinar. “Avanzando nesta liña, comezamos a estudar alternativas para mellorar a penetración dos principios activos na unlla co obxectivo de mellorar a súa actividade”, continúa.
Os primeiros traballos realizados por Luís Nogueiras Nieto para a súa tese de doutoramento deron lugar a unha patente que protexía unha primeira versión do verniz desenvolvido empregando ensamblaxes supramoleculares baseados en polipseudorotaxans de derivados solubles de ciclodextrina e poloxameros. Os primeiros contactos coa industria farmacéutica puxeron de manifesto o interese terapéutico e comercial deste produto e axudou a detectar os seus puntos febles, establecendo a necesidade de seguir investigando e perfeccionando a plataforma de liberación patentada.
“Coa axuda da área de Valorización, Transferencia e Emprendemento da USC e en concreto coa colaboración de Susana Torrente que xa participara na redacción da patente, fixemos unha solicitude na primeira edición do Acelerador de Transferencia da USC que nos concederon co obxectivo de mellorar e valorizar a nosa tecnoloxía”, apunta Otero Espinar. O traballo realizado por Elena Cutrín Gómez, na súa tese de doutoramento, e de Soledad Anguiano Igea no Acelerador de Transferencia, permitiu avanzar e perfeccionar na tecnoloxía de tal xeito que se solicitou unha nova patente europea, que rapidamente se estendeu a diferentes países incluíndo Rusia, Xapón, Brasil, Australia ou Estados Unidos, entre outros.
“Comezamos a negociar con diferentes empresas e durante a celebración das Primeiras Xornadas Universidade-Empresa celebradas en Barcelona e organizadas pola Sociedade Española de Farmacia Industrial e Galénica, entramos en contacto coa empresa farmacéutica Reig-Jofre coa que despois de varias reunións, firmamos un acordo de licencia e continuamos traballando na optimización do produto”, afirma Otero Espinar.
Na actualidade a empresa está finalizando os estudios clínicos con diferentes produtos e solicitando a autorización nas axencias correspondentes de distintos países co obxectivo de comezar a súa comercialización.
16% da poboación europea
A infección por fungos, denominada onicomicose, e a psoriase figuran entre as principais doenzas que afectan ás unllas. No caso da primeira, aféctalle a arredor do 16% da poboación europea. Polo que respecta á psoriase, a súa aparición nas unllas dos pacientes de psoriase cutánea –cunha prevalencia do 2% da poboación mundial, pero que en Galicia é superior– alcanza o 50% do total, aínda que se estima que entre o 80 e o 90% das persoas afectadas por psoriase na pel padecerán nalgún momento da súa vida a extensión desta enfermidade autoinmune ás súas unllas.
Os tratamentos por vía oral presentan numerosos efectos adversos e os administrados por vía tópica son en xeral pouco eficaces pola reducida porosidade da unlla, o que dificulta a penetración do principio activo. A alternativa desenvolvida polo grupo da USC facilita esta penetración sen danar a unlla. A súa fórmula inicial baseada en hidroxeles termosensibles foi perfeccionada ao longo dos últimos anos para mellorar a súa seguridade, a súa capacidade para chegar ás capas profundas das unllas e a súa aceptación por parte dos pacientes.
Outros premiados
Un sistema de visión artificial capaz de detectar condutas irresponsables no control da COVID-19 creado pola spin-off da UVigo RelEYEble, e un composto farmacolóxico para evitar os efectos negativos da radioterapia e da quimioterapia sobre a pel dos pacientes desenvolvido polo Instituto de Investigación Biomédica da Coruña (INIBIC), completan a listaxe de gañadores dos Premios de Transferencia de Tecnoloxía en Galicia, que este ano chegan á súa sexta edición cunha dotación de 6.000 euros en cada unha das súas categorías.
O certame, que vén de facer pública a resolución do xurado, está promovido pola RAGC, coa colaboración da Axencia Galega de Innovación (GAIN) da Xunta, para recoñecer as mellores prácticas de transferencia de coñecemento procedente dos organismos de investigación ao tecido produtivo. Os galardóns serán entregados nunha cerimonia que terá lugar o 14 de xullo.
