Vertixe Sonora Ensemble abre Sons Creativos 2014 cun concerto de música electrónica precedido dunha sesión multicanle

O colectivo flexible Vertixe Sonora Ensemble abrirá este martes, día 20 de maio, a partir das 20.30 horas, na Casa do Saber de Lugo, o ciclo de concertos da sexta edición de Sons Creativos cun concerto no que interpretarán algunhas composicións electrónicas históricas do Instituto de Sonoloxía da Haia seleccionadas por Kees Tazelaar, para logo interpretar obras de Sefan Prins, Germán Alonso e Milica Djordjevich. Ao remate do seu repertorio, o DJ lugués Álvaro Pardo, coñecido como Dr. Think, fará un remix das obras do concerto.
O concerto de Vertixe Sonora Ensemble, que nesta ocasión contará entre os seus integrantes con Pablo Coello (saxofón), David Durán (teclado), Thomas Piel (violoncello) e Ángel Faraldo (electrónica e difusión de son), estará precedido por unha sesión acusmática multicanle na que se realizará un repaso histórico de obras do Instituut voor Sonologie, selección comisariada por Kees Tazelaar. Este espazo de creación, fundado na Universidade de Utrecht en 1960 baixo o nome de STEM ("Estudio para Música Electrónica") como sucesor ao estudio para música electrónica dos Philips Research Laboratories en Eindhoven, é unha referencia internacional no ámbito da música electroacústica. Vertixe Sonora Ensemble é unha formación variable integrada por solistas de importante traxectoria no ámbito da música contemporánea en Galicia e que favorece un espazo aberto á reflexión, discusión e intercambio na música contemporánea. Constitúe asemade un proxecto que integra artistas sonoros e plásticos, músicos de jazz, intérpretes clásicos e xente do teatro e a danza cunha común vontade por desenvolver propostas musicais cunha perspectiva artística global que atopan na procura da excelencia artística e no forte compromiso coa música e os creadores do noso tempo a súa razón de ser. O grupo xurde co afán de manter unha estrutura estable de encomendas, favorecer a creación de producións musicais de actualidade e dinamizar o espectro sonoro contemporáneo desde o vértice peninsular dun xeito que resulte significativo nunha perspectiva internacional. A partires dunha conciencia da multiplicidade no achegamento ó sonoro, Vertixe Sonora Ensemble establece un constante diálogo e interacción co pensamento, a ciencia, a tecnoloxía e outras formas artísticas da contemporaneidade desde unha óptica cosmopolita, integradora e multicultural que non renuncia nin ó rigor, nin á transgresión nin ó espírito de vangarda. A participación de Vertixe Sonora Ensemble nesta nova edicións de Sons Creativos terá como complemento final a intervención do Dj Residente Álvaro Pardo, coñecido como Dr. Think, que desde a súa libertinaxe musical fará un remix do concerto.