Ir o contido principal

Veterinaria abre este martes unhas xornadas que abordarán diversos aspectos sobre animais exóticos e salvaxes

O ciclo de conferencias está organizado por AVAFES Lugo será unha das primeiras actividades do colectivo

A Asociación Veterinaria para a Defensa da Fauna Exótica e Salvaxe (AVAFES) inicia este martes 22 na Facultade de Veterinaria as primeiras Xornadas AVAFES, que se desenvolverán en varias quendas entre os meses de marzo e abril. A actividade consiste nunha serie de conferencias que se celebrarán na Aula 1 de Veterinaria a partir das 19:00 horas. A apertura do ciclo terá lugar este martes e contará coa presenza do vicerreitor adxunto de Investigación e Innovación, Pablo Ramil; a vicedecana da Facultade de Veterinaria, Patricia Fernández de Trocóniz; a responsable do Servizo de Animales Exóticos do Hospital Veterinario Rof Codina, Ana María López; e a presidenta en funcións de AVAFES Lugo, Carola Casares, quen aproveitará para presentar o colectivo.

A primeira das conferencias, este martes 22, correrá a cargo do fundador e presidente da Coordinadora para o Estudo dos Mamíferos Mariños (CEMMA), Alfredo López. Este doutor en Zooloxía Mariña e Responsable de Proxectos falará sobre a biodiversidade e conservación dos cetáceos en Galicia. A conferencia irá asociada a unha posterior mesa redonda. Xa o mércores, 23 de marzo, falarase de Anestesia e Ciruxía das Iguanas. A encargada de conducir a conferencia e a mesa redonda é a profesora do Departamento de Ciencias Clínicas Veterinarias da USC e facultativa do Hospital Rof Codina Ana María López Beceiro. O manexo das aves e a importancia da conservación de especies protexidas e en perigo de extinción será a temática arredor da que xire a terceira xornada, que terá lugar o martes 29 de marzo. O fundador e responsable de Educación Ambiental e conservador do parque zoolóxico Avifauna, situado en Outeiro de Rei, será o responsable desta conferencia e mesa redonda. Para pechar o mes de de marzo, o xoves 31, a Facultade de Veterinaria será sede de análise e debate sobre as enfermidades infecciosas transmitidas por mosquitos en especies de fauna silvestre. O profesor do departamento de Anatomía e Producción Animal da USC Javier Dieguez Casalta será o responsable desta xornada. No mes de abril, as xornadas terán continuidade os días 5, 6, 11, 12, 26 e 27. Os días 9 e 30 de abril, realizarnase visitas ao Parque Zoolóxico Avifauna.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 21.03.2011.