Veterinaria acubilla este xoves 27 unha xornada técnica sobre produción de leite, aberta a profesionais e gandeiros
A Facultade de Veterinaria do campus de Lugo acubillará este xoves, día 27 de febreiro, a partir das 10.00 horas, unha xornada técnica sobre produción de leite organiza por Africor Lugo e Afriga, no marco da que un total de 12 relatores abordarán diferentes cuestións de interese para os gandeiros e tamén para os profesionais ligados á actividade gandeira de vacún de leite.
O seguro agrario, o impacto do crecemento previo á desteta na futura produción leiteira, a influencia das micotoxinas na produción de leite, a análise de puntos críticos para mellorar o manexo da explotación, a influencia dos aceites esenciais para optimizar a función de remoer e a xestión dun centro de alimentación son algunhas das cuestións sobre as que falarán dos distintos relatores convidados a este foro, que rematará cunha táboa redonda sobre estratexias para reducir custos de alimentación. As xornadas, de carácter gratuíto e abertas á participación de todas as persoas interesadas, comezarán a desenvolverse a partir das 10.00 horas no salón de actos ‘Enrique Antonio González García’ da Facultade de Veterinaria.