Veterinaria avanza no control, diagnóstico e na prevención da enteromixose, unha parasitose devastadora para o rodaballo

A investigación desenvolvida pola veterinaria Ana Paula Losada García e recollida na súa tese de doutoramento, defendida este luns na Casa do Saber de Lugo baixo o título ‘Enteromixose do rodaballo: Esclarecemento de mecanismos patoxénicos e rutas da resposta inmunitaria’, dá resposta a algún dos principais interrogantes que existentes sobre esta enfermidade de orixe parasitario que depara efectos devastadores para os exemplares de rodaballo afectados e abre novas expectativas respecto do seu diagnóstico e da súa prevención.
A investigación feita por Losada García baixo a dirección dos profesores dos departamentos de Ciencias Clínicas Veterinarias e de Anatomía Patolóxica da Universidade de Santiago de Compostela, María Isabel Quiroga Berdeal e Roberto Bermúdez Pose, respectivamente, constitúe un importante avance no coñecemento da enteromixose do rodaballo. A tese senta as bases para o diagnóstico clínico e histopatolóxico desta doenza de orixe parasitario, aporta novos datos respecto dos mecanismos que provocan graves danos na mucosa gastrointestinal dos peixes afectados e demostra que é a propia resposta inmunitaria do rodaballo a que participa no desenvolvemento dunha enfermidade que é unha ameaza para a súa produción. Os resultados acadados por Losada García na súa investigación abren novas expectativas cara o futuro plantexamento de novos estudos encamiñados a previr e controlar a enteromixose, unha parasitose que provoca o adelgazamento moi marcado dos exemplares afectados e que pode ter consecuencias devastadoras, xa que causa a morte do 100% dos peixes enfermos. Este estudo sobre a enteromixose do rodaballo, na actualidade un dos problemas patolóxicos máis graves e de maior relevancia que afecta á especie, encádrase dentro dos numerosos traballos xa desenvolvidos polo grupo de Anatomía Patolóxica da Facultade de Veterinaria de Lugo nos últimos 15 anos, período no que se fixeron moitas investigacións centradas no estudo das enfermidades do rodaballo que aínda constituían unha ameaza para a súa produción, a fin de dar así resposta aos problemas derivados da “domesticación” da especie. O crecente interese da comunidade científica pola piscicultura mariña vén dado pola crecemento experimentado por esta actividade produtiva nos últimos anos, tempo non que a acuicultura mariña se ten convertido na produción gandeira con maior proxección de futuro. Doutra banda, a acuicultura supón tamén unha alternativa necesaria para satisfacer a demanda de peixe e representa un importante motor de desenvolvemento nas zonas costeiras altamente dependentes da pesca. Na actual conxuntura na que se atopa a acuicultura mariña, Galicia ten un cometido destacado, pois é a comunidade autónoma española líder na cría intensiva de rodaballo e acapara un 99% da súa produción no plano nacional. O éxito do seu cultivo débese, en grande medida, ao profundo coñecemento científico e tecnolóxico desenvolvido nas dúas últimas décadas e para que foi primordial a estreita colaboración entre empresas, investigadores e Administración. Tribunal da tese O tribunal responsable de avaliar a tese de doutoramento presentada por Ana Paula Losada García, quen opta á Mención Europea do título de doutor, estivo formado por cinco expertos/as de recoñecido prestixio no ámbito da ictiopatoloxía.
O catedrático da Universidade de Santiago José María Nieto Martínez foi o presidente deste comité avaliador, do que actuou como secretaria a tamén profesora da USC Sonia Vázquez Rodríguez. O profesor da Universidade Autónoma de Barcelona Francesc Pedrós Bover; o profesor da Universidade de Lisboa Fernando Afonso, e María Vázquez Ruiz de Ocenda, investigadora do Clúster da Acuicultura de Galicia e do Centro Tecnolóxico Galego de Acuicultura, tamén formaron parte do tribunal que outorgou a máxima cualificación académica á tese de Ana Paula Losada García.
Ana Paula Losada, entre os directores da súa tese de doutoramento, Roberto Bermúdez e Maribel Quiroga