Ir o contido principal

As tres veterinarias que colaboraron co Rof Codina este ano recibiron os seus diplomas

No acto entregáronse as credencias de bolseiros aos veterinarios que reforzarán o servizo de urxencias do hospital en 2010

As tres bolseiras que este ano colaboraron co Hospital Clínico Veterinario Rof Codina recibiron este mércores os seus diplomas nun acto que se celebrou no propio centro.
Asunción Hernández, Ana María Torres e Vanessa Bernedo reforzaron ao longo deste ano o servizo de urxencias nocturnas do Rof Codina grazas ao convenio asinado con Caixanova, polo que a entidade se encarga do financiamento dos novos traballadores a través de bolsas de inserción laboral. Os beneficiarios destas becas son licenciados en Veterinaria menores de 30 anos, que acreditan ter un título de capacitación para dirixir instalacións de radiodiagnóstico e experiencia na asistencia en instalacións hospitalarias.
Á entrega de diplomas asistiron o vicerreitor adxunto de Investigación e Proxección Exterior, Jesús Casabiell Pintos; a directora veterinaria do Hospital Rof Codina, María Luisa Suárez Rey; o xerente, Luis Felipe de la Cruz Palomino; a decana da Facultade de Veterinaria, Ana Bravo del Moral; e o delegado de Caixanova, Jesús Fernández Vidal.
Novos bolseirosNo mesmo acto tamén se fixo entrega das credencias de bolseiros aos veterinarios Daniel Rodríguez, Carolin Schmeckenbecker e María Lorenzo, que se incorporarán en 2010 ao servizo de atención continuada do Rof Codina para reforzar o servizo de urxencias do hospital.
Esta ampliación do cadro de persoal ten unha duración de un ano e a súa finalidade é o fomento do emprego no sector ofrecendo unha formación con máis garantías de éxito para acceder ao mercado laboral unha vez rematado este período.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 23.12.2009.